A Xunta inviste máis de 199.000 euros para a contratación de persoas mozas en 10 concellos da delegación ferrolá
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a Biblioteca Municipal de Ferrol para coñecer a catro destes traballadores contratados
Estas achegas están destinadas a subvencionar a inserción laboral de persoas desempregadas de entre 18 e 29 anos
A convocatoria de axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinada a Concellos e a organismos intermedios sen ánimo de lucro contou en 2025 cun orzamento de 6,5 M€
Ferrol, 29 de maio de 2026
A Xunta apoiou no último ano a contratación de persoas mozas desempregadas en 10 Concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal con cargo ás axudas do Programa de Garantía Xuvenil da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a un destes traballadores contratados polo Concello de Ferrol na Biblioteca Municipal.
Aneiros incidiu en que a través destas axudas, o Goberno galego pretende incentivar a contratación de persoas mozas, de entre 18 e 29 anos, desempregadas -é requisito que sexan beneficiarias do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e estean inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia- tanto en entidades locais como en organismos intermedios sen ánimo de lucro.
A convocatoria, dotada o ano pasado cun orzamento de 6,5 M€ cofinanciados pola Unión Europea a través do Programa FSE de Galicia 2021-2027, ten o obxecto de subvencionar a contratación a xornada completa dos mozos e mozas por un período de nove meses. “O obxectivo fundamental é mellorar a empregabilidade e a inserción profesional dos mozos”, explicou Aneiros durante a visita.
Xunto ao Concello de Ferrol, que recibiu unha cantidade superior ar 65.000 euros no eido desta orde para a contratación de catro persoas en distintas dependencias municipais, tamén beneficiáronse destas axudas o de Pontedeume, Ortigueira, Moeche, Fene, Cerdido, Cedeira, As Somozas e Ares, cun contrato por concello. En total, recibiron máis de 199.000 euros en achegas para realizas as contratacións.