A Xunta impulsa a Festa da Rosa en Mos coa actuación de Cali & El Dandee, incluída nos concertos do Xacobeo

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na presentación da nova edición desta festa na que se inclúe o concerto do dúo colombiano o vindeiro 5 de xuño

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, puxo en valor a celebración da primeira Feira do Viño Rosado, no marco deste evento, porque contribúe a visibilizar a diversidade e calidade do sector vitivinícola galego

Mos (Pontevedra), 29 de maio de 2026

A Xunta de Galicia impulsará este ano a Festa da Rosa en Mos co apoio á actuación musical enmarcada nos Concertos do Xacobeo do dúo colombiano Cali & El Dandee, que actuarán o vindeiro 5 de xuño ás 22,00 horas, nunha cita que será de balde para o público.

Así o expuxo o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, quen acudiu á presentación desta celebración, onde lembrou que o ciclo dos Concertos do Xacobeo está a definir un programa de citas e espectáculos musicais representativos da comunidade ao longo de 2026 “capaces de atraer a viaxeiros de distintos lugares”, expresou. En concreto, a actuación de Cali & El Dandee dá continuidade ao apoio realizado pola Xunta o ano pasado co concerto de Juan Magán. O dúo colombiano é unha das formacións máis recoñecidas do seu país no ámbito da música latina actual e suman así unha cita deste tipo aos Concertos do Xacobeo, garantindo a aposta do Goberno galego por unha programación musical competitiva, atractiva e aliñada coas tendencias actuais.

Segundo destacou Merelles, coa incorporación desta actuación aos Concertos do Xacobeo, a Xunta de Galicia “reforza a súa estratexia por apoiar iniciativas que dinamicen distintos lugares do territorio galego, axudando a diversificar e repartir a oferta turística tanto no tempo como no espazo”, expresou.   

Merelles, que estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, lembrou tamén que en 2025 realizáronse máis de 185 eventos deste tipo, que reuniron a máis de 1,5 millóns de persoas, e avanzou unha proxección similar para 2026, con artistas da talla e proxección de Tom Jones, Katy Perry, Iron Maiden, Amaia, Baiuca ou Nathy Peluso, entre outras actuacións.

Paralelamente, Alemparte puxo en valor a celebración da primeira Feira do Viño Rosado de Galicia, que conta co impulso do Goberno autonómico. Integrada na programación da Festa da Rosa de Mos, é unha iniciativa que contribúe a visibilizar a diversidade e calidade do sector vitivinícola galego e a achegar este produto aos consumidores.

Alemparte destacou a importancia deste tipo de eventos como ferramentas de dinamización económica e social do rural, ao combinar a promoción dos produtos agroalimentarios de calidade diferenciada coa creación de actividades culturais, gastronómicas e turísticas arredor deles. Neste sentido, salientou que os viños amparados polas denominacións de orixe galegas non só xeran valor económico e emprego no territorio, senón que tamén contribúen á conservación da paisaxe, ao mantemento da actividade agraria e á proxección da identidade de Galicia.

Así mesmo, destacou esta primeira edición da Feira do Viño Rosado de Galicia, integrada dentro da programación da Festa da Rosa, unha iniciativa que permitirá poñer en valor un tipo de viño cada vez máis demandado polos consumidores, asociado a perfís máis frescos, lixeiros e versátiles, en liña coas tendencias actuais do mercado vitivinícola.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2026