A Xunta reafirma o seu apoio ao sector vitivinícola e aos viños de Valdeorras na XXVII Feira de exaltación deste produto

A conselleira do Medio Rural subliñou que apoiar o viño é apoiar o rural, o emprego e o futuro, e salientou que os viños de Valdeorras levan tempo situándose entre os máis recoñecidos nos grandes certames, onde se valora o traballo ben feito e a calidade

O director de Turismo de Galicia salientou a importancia que esta feira do viño está a ter cada ano para impulsar a comarca de Valdeorras, que demostra en eventos como este todo o seu potencial turístico

O Barco de Valdeorras (Ourense), 29 de maio de 2026

“Apoiar o viño é apoiar o rural, o emprego e o futuro”. Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na inauguración da XXVII Feira do Viño de Valdeorras, na que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.

Na súa intervención, a conselleira afirmou que os viños de Valdeorras “levan tempo situándose entre os máis recoñecidos nos grandes certames, onde se valora o labor ben feito e a calidade que hai detrás de cada botella”. Todo isto, salientou, grazas ao traballo de toda unha comarca, “dun saber facer colectivo que combina tradición e innovación, e por iso triunfa”. Fixo tamén especial fincapé na actividade do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras polo seu pulo “constante de defensa, control e promoción destes viños e desta terra”.

Gómez enmarcou esta riqueza “na forma de facer e de sentir que representa tan ben a Galicia Calidade da que nos sentimos tan orgullosos” e reafirmou o apoio da Xunta ao sector vitivinícola. Un compromiso que se plasma, tal como lembrou, con medidas como as axudas para a reestruturación e mellora das viñas, para a modernización das adegas, a prol da innovación e da mellora das explotacións e tamén o pulo que se lle dá á promoción e ao fortalecemento das denominacións de orixe.

Potencial turístico da feira

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou a importancia que esta feira do viño está a ter cada ano para impulsar a comarca de Valdeorras, que demostra en eventos como este todo o seu potencial turístico. “Será un atractivo importante para un tipo de turismo especialmente interesante e que temos moi en conta na Xunta de Galicia, o turista enogastronómico e os viaxeiros que busquen a autenticidade do rural galego e ourensán”.

Neste sentido, fixo referencia a que só o ano pasado máis de 160.000 turistas visitaron Galicia movidos polo seu interese polo turismo gastronómico e o seu gasto medio diario, superior a 120 euros por persoa e día, por riba da media nacional. Salientou tamén a duración media da viaxe deste tipo de turista, superior a catro noites, e felicitou á organización por ser quen de realizar unha programación que atrae cada vez a máis persoas.

Data de actualización: 29/05/2026