A Xunta patrocina o Leyma Coruña con 150.000 euros para que A Coruña sexa sede da Final Four de ascenso á Liga ACB

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo acompañou o equipo coruñés nun adestramento preparatorio para o play off

Calvo reafirmou o compromiso do Goberno galego coa celebración de grandes eventos deportivos para atraer visitantes e proxectar a comunidade no exterior

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou hoxe co presidente do Club Básquet Coruña, Pablo de Amallo Corral, un acordo de patrocinio por importe de 150.000 euros destinado a apoiar a participación do equipo coruñés na Final Four de ascenso á Liga ACB e a organización deste evento na cidade da Coruña. Esta colaboración encádrase na estratexia da Xunta para promover Galicia a través do patrocinio de grandes eventos deportivos, reforzando o impacto económico local e maximizando a visibilidade e a proxección da comunidade no exterior.

O conselleiro de Deportes presenciou o adestramento do Leyma Coruña no Coliseum, pavillón que acollerá a vindeira fin de semana a Final Four de ascenso á Liga ACB co equipo coruñés, xunto a Estudiantes, Palencia e Oviedo. A celebración íntegra da competición na Coruña e o formato concentrado en dúas xornadas converterá a cidade no epicentro do baloncesto español durante toda a fin de semana, cunha ampla cobertura mediática e unha forte mobilización de afeccións, que dinamizarán a hostalería, o comercio e os servizos.

Diego Calvo desexoulle sorte ao Leyma Coruña nesta Final Four para acadar o ascenso á ACB e acompañar ao Obradoiro e ao Breogán, na máxima categoría do baloncesto español. 

O turismo deportivo é un segmento estratéxico para Galicia, xa que permite combinar a práctica deportiva coa posibilidade de coñecer o patrimonio urbano, cultural, gastronómico e natural, favorecendo unha imaxe de destino sostible e de calidade. O pasado ano, máis de 118.000 turistas que visitaron Galicia por motivos deportivos, xeraron cerca de 270.000 noites e o seu gasto medio diario foi de 116 euros por persoa e día, por riba da media nacional que se sitúa en 65,9 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/06/2026