Galicia e Norte de Portugal reforzan a Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza a través do proxecto MAISRIS3T
A directora da Axencia Galega de Innovación participa na presentación desta iniciativa financiada a través do programa europeo Interreg Poctep
O proxecto, liderado pola Xunta, ten un orzamento de case 1 M€ ata finais de 2028
Vigo, 2 de xuño de 2026
Galicia e Norte de Portugal reforzan a Estratexia de especialización intelixente transfronteiriza en materia de I+G+i co proxecto MAISRIS3T, dotado con case 1 M€ ata 2028 e que foi hoxe abordado en Vigo na xornada do Observatorio da I+D+i da Eurorrexión no que participou a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo. Alí, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou que ambos territorios foron pioneiros na posta en marcha da primeira estratexia de especialización transfronteiriza en Europa para o período 2014-2020, que foi recoñecida como caso de boas prácticas pola Comisión Europea.
Ese traballo conxunto permitiu orientar mellor os recursos, reforzar os ecosistemas de innovación, achegar o coñecemento ao mercado e avanzar en áreas claves nas que Galicia e o Norte de Portugal podían xerar máis valor, convertendo así a Eurorrexión nun espazo de innovación máis forte, máis competitivo e máis conectado con Europa.
A estratexia actual, cun marco de aplicación 2021-2027, consolida esta visión compartida e reforza a Eurorrexión como espazo de innovación. Nese senso, o proxecto MAISRIS3T debe servir, en palabras de Carmen Cotelo, para seguir fortalecendo a gobernanza participativa, ampliar a implicación dos axentes e impulsar a implementación efectiva das prioridades compartidas. De feito, actualmente Galicia e Norte de Portugal participan en seis proxectos punteiros de I+G+i, cun orzamento de 39 M€, que reforzan a Eurorrexión en áreas de alto impacto como tecnoloxía cuántica, intelixencia artificial ou biotecnoloxía. Neles participan nove entidades galegas e 19 socios portugueses, contribuíndo así ao desenvolvemento de estratexias conxuntas que fortalecen o posicionamento en Europa e avanzan cara unha economía baseada no coñecemento.
A directora apuntou que a cooperación é tamén unha vantaxe competitiva para acceder a financiamento europeo, xa que as entidades de Galicia e do Norte de Portugal están mellor situadas para participar conxuntamente en programas como Horizonte Europe, Interreg Europe ou outros instrumentos europeos de apoio á innovación.
Máis de 90 representantes na xornada
O evento, organizado pola Fundación CEER e a Axencia Galega de Innovación, reuniu a máis de 90 actores institucionais, académicos e do sistema de innovación da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal para definir o futuro da Estratexia transfronteiriza como ferramenta fundamental de monitorización e apoio á toma de decisións.
O evento contou coa intervención de Dominique Foray, referencia internacional en estratexias de especialización intelixente, que contextualizou o debate e reforzou a ligazón entre o coñecemento científico e as políticas públicas de innovación. A súa contribución foi decisiva para o desenvolvemento do concepto de especialización intelixente, que inspirou as estratexias en toda Europa e que marcou unha nova maneira de entender as políticas de innovación: máis conectadas coas capacidades reais dos territorios, máis orientadas á transformación económica e social e máis abertas á participación dos axentes do ecosistema.