Tres empresas optan a acometer o cambio de cuberta do Colexio Virxe do Portal de Sobrado

O conselleiro Román Rodríguez destaca no Parlamento que a Xunta inviste máis de 181.000 € para mellorar a eficiencia enerxética e condicións deste centro

Reafirma o compromiso do Goberno galego coa modernización dos centros de ensino e reclama a Moncloa a redución do IVE nestas obras e fondos estatais específicos

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe no Parlamento que a Xunta xa ten en marcha a obra de cambio de cuberta do Colexio Virxe do Portal de Sobrado. Tal e como sinalou, a actuación xa está licitada, por máis de 181.000 €, e a previsión é que poida realizarse no verán co fin de que estea lista para a volta ás clases en setembro. Son un total de tres as empresas que presentaron ofertas para esta actuación, en concreto, Construcciones Ogando, Aquablue sistemas construtivos e Eficihaus.

O obxectivo das obras, segundo indicou o conselleiro, é protexer o edificio fronte ás inclemencias meteorolóxicas e mellorar eficiencia enerxética do inmoble ao tempo que seguir “avanzando na mellora dos espazos educativos”. Para iso, retirarase a actual cubrición, limparase o soporte e colocarase unha nova cubrición de tella cerámica curva, acorde coa contorna e as esixencias derivadas da protección do Camiño de Santiago.

A maiores, e coa finalidade de mellorar aínda máis a eficiencia enerxética do edificio, incorporarase illamento térmico no forxado baixo cuberta. Tamén se instalarán canlóns e baixantes por novos elementos de chapa galvanizada e PVC, así como liñas de vida en cuberta para garantir as seguridade en labores de mantemento posterior.

O titular do departamento educativo reafirmou o compromiso da Xunta coa reforma e modernización dos centros educativos ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, cuxas intervencións seguen criterios estritamente técnicos. A este respecto, volveu reclamar ao Goberno central un Plan nacional de infraestruturas educativas, dotado con fondos estatais, para poder realizar máis obras en colexios e institutos.

Así mesmo, reiterou a necesidade de que Moncloa reduza o IVE das obras en centros de ensino para incrementar este tipo de actuacións. Ambas cuestións foron aprobadas polo Parlamento e non teñen, a día de hoxe, resposta por parte do Goberno do Estado, malia que beneficiarían a todas as comunidades autónomas e concellos de España.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/06/2026