O conselleiro de Sanidade interveu no Pleno do Parlamento para falar da atención nos servizos de urxencias

Gómez Caamaño avanza a activación esta semana de 30 contratos para reforzar os servizos de urxencias hospitalarias e a disposición de 60 voluntarios para afrontar as dificultades de cobertura de Ourense

Destaca o reforzo da Xunta dos servizos de urxencias hospitalarias, con máis prazas, melloras retributivas e medidas de apoio nas áreas sanitarias que teñen maiores necesidades de cobertura

Lembra que hoxe hai 149 prazas máis de médicos de urxencias que no ano 2024

Refire que a Xunta decidiu poñer en marcha melloras laborais e retributivas para este colectivo, que supoñen unha media de 3.560 euros máis ao ano

Subliña que Galicia está a iniciar a formación dos primeiros 6 MIR de Urxencias e Emerxencias, un número limitado polo Goberno de España, que tamén adiou durante anos esta especialidade

Remarca que o obxectivo do Servizo Galego de Saúde é garantir a accesibilidade da cidadanía á atención urxente e adoptar as medidas necesarias para responder ás necesidades asistenciais en todo o territorio

Incide en que os apoios de profesionais entre áreas sanitarias que se realizan nos servizos de urxencias están rexidos pola voluntariedade incentivada

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe no Pleno do Parlamento que esta mesma semana se activarán 30 contratos para reforzar os servizos de urxencia nos hospitais públicos galegos e que se dispón xa dunha bolsa de 60 voluntarios para reforzar o servizo de urxencias hospitalarias de Ourense, que presenta máis dificultades de cobertura.

Na súa intervención no Pazo do Hórreo en resposta a unha interpelación, o titular de Sanidade incidiu no reforzo que está a realizar a Xunta nos servizos de urxencia dos hospitais galegos con máis prazas, con melloras retributivas e medidas de apoio nas áreas sanitarias que teñen maiores necesidades de cobertura.

Nesta liña, Gómez Caamaño lembrou que hoxe o Servizo Galego de Saúde conta con 149 prazas máis de médicos desta especialidade que no ano 2024.

Ademais de crear e reforzar prazas, a Xunta tamén impulsou melloras laborais e retributivas para este colectivo, que supoñen unha media de 3.560 euros máis ao ano para cada profesional médico de urxencias e que se van aplicar con efectos retroactivos.

O conselleiro explicou que a xestión das urxencias require anticipación, recursos, planificación e capacidade de adaptación, e iso é o que está a facer o Servizo Galego de Saúde avaliando necesidades, activando apoios entre áreas, aplicando mecanismos de voluntariedade incentivada e poñendo en marcha medidas extraordinarias cando son necesarias, ademais de continuar a estudar fórmulas de estabilización e captación de profesionais.

O obxectivo do Servizo Galego de Saúde é claro, incidiu o conselleiro: garantir o cumprimento dos plans funcionais, preservar a accesibilidade da cidadanía á atención urxente e adoptar as medidas específicas ou extraordinarias necesarias para responder ás necesidades asistenciais de todo o territorio.

Medidas de coordinación

Respecto das dificultades máis acusadas de cobertura dos servizos de urxencias de Ourense, o conselleiro explicou que o seu departamento levou a cabo as medidas de coordinación precisas para contribuír á cobertura das vacantes, do mesmo xeito que se está a facer noutras especialidades con déficit de profesionais, ou que xa se fixo no Hospital da Mariña.

Nun sistema de saúde público moderno e integrado como o galego, para Gómez Caamaño a colaboración entre as áreas sanitarias e o traballo en rede son as ferramentas lóxicas para garantir a mellor atención, a continuidade asistencial e a equidade.

Así, ante a dificultade de cobertura de prazas no servizo de urxencias de Ourense, a situación puido ser atendida grazas á colaboración de profesionais doutras áreas sanitarias, dentro dun plan específico que permitiu manter a actividade asistencial e garantir a atención á cidadanía. Neste sentido, remarcou que nestes momentos se dispón dunha bolsa de 60 voluntarios para reforzar o servizo de urxencias hospitalarias de Ourense.

O que está a facer o Sergas, reiterou o titular de Sanidade, é adoptar os mecanismos necesarios para garantir que os recursos do sistema sanitario público se destinen a garantir a cobertura asistencial a toda a poboación, especialmente ante situacións de difícil cobertura.

Estes apoios entre áreas sanitarias que se realizan nos servizos de urxencias están rexidos pola voluntariedade incentivada, remarcou.

O conselleiro puxo en valor a aposta da Xunta polo colectivo de urxencias, reclamando de maneira insistente ante o Ministerio de Sanidade a necesidade da creación da especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias. Grazas ás demandas da Xunta e doutras comunidades, Galicia conta xa cos primeiros 6 MIR desta especialidade formándose nos hospitais galegos, un número limitado polo Goberno de España.

O máximo responsable do Sergas tivo un especial recoñecemento para os profesionais dos servizos de urxencias, tanto en primaria como en hospitalaria, que realizan un traballo esencial nun contexto de enorme demanda asistencial.

Incidiu en que o seu departamento non pode xestionar cada centro como se funcionase de maneira illada, se non que ten que garantir a atención en todos os hospitais, en todas as áreas sanitarias e en todo o territorio.

Gómez Caamaño tamén aludiu á falta de médicos que afecta a toda España e dixo que a solución a este problema esixe a implicación e solucións eficaces por parte do Goberno central. Mentres isto non sucede, a Xunta organiza, incentiva e planifica para facer máis atractivas as prazas de difícil cobertura.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/06/2026