Medio Rural e a Cruz Vermella reforzan a súa colaboración en materia formativa e de innovación

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e o presidente provincial desta entidade na Coruña asinaron un convenio marco de cooperación para o desenvolvemento de actividades docentes e de transferencia de coñecementos

Levaranse a cabo conxuntamente accións de formación regradas e non regradas destinadas a mozos con perspectiva de incorporación ao ámbito laboral

A Coruña, 3 de xuño de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, e o presidente provincial de Cruz Vermella na Coruña, Manuel Antonio Viqueira, asinaron este mediodía un convenio marco de colaboración para o desenvolvemento de actividades formativas e de innovación.

O documento establece as condicións da cooperación entre ambas partes a través da devandita axencia da Xunta e do centro educativo CPR Cruz Vermella Española da Coruña, que se materializará na realización de actividades conxuntas en materia educativa, de innovación e de transferencia de coñecementos.

Así, levaranse a cabo accións de formación regradas e non regradas destinadas a mozos con perspectiva de incorporación ao ámbito laboral. As partes asinantes acordarán a oferta de actividades docentes a impartir en cada exercicio, así como o calendario de execución e o número de persoas por curso, e a comisión de seguimento do convenio aprobará un programa de contidos obrigatorios.

Ademais, acórdase que cada estudante terá atribuído un titor académico para cada período formativo. Este convenio marco terá efectos desde a súa sinatura e unha duración de catro anos, prorrogables, non prevéndose contraprestación económica entre as partes, de tal forma que cada unha asume os custos derivados dos seus compromisos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/06/2026