O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, xunto co secretario xeral da Emigración, mantén hoxe un encontro co cónsul xeral de España en São Paulo
A Xunta analiza novas vías de colaboración co Consulado xeral de España en São Paulo para impulsar a atención dos galegos no Brasil e dos retornados
José González inicia a súa primeira viaxe ao Brasil enmarcada na nova edición das feiras de emprego no exterior, que este ano o Goberno galego impulsa o 6 de xuño en São Paulo e o 8 de xuño en Salvador de Bahía
Dentro da aposta autonómica pola colaboración institucional para ofrecer unha atención máis eficaz aos preto de 55.000 galegos residentes no Brasil, o vindeiro luns José González tamén se reunirá co cónsul xeral de España en Salvador de Bahía
Ademais destas xuntanzas e de asistir ás dúas citas da feira de emprego, José González manterá nos próximos días encontros con representantes de distintas entidades da colectividade galega en São Paulo, Santos e en Salvador de Bahía
São Paulo (Brasil), 5 de xuño de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto co secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia a súa primeira viaxe institucional ao Brasil cunha reunión co cónsul xeral de España en São Paulo, Pablo Montesino-Espartero, e con distintos encontros con representantes de entidades da colectividade galega neste país. Ademais, o vindeiro luns, González tamén se reunirá co cónsul xeral de España en Salvador de Bahía, Ignacio Pérez.
Esta visita enmárcase na nova edición das feiras de emprego no exterior, que este ano o Goberno galego impulsa o 6 de xuño en São Paulo e o 8 de xuño a Salvador de Bahía, tralo éxito das edicións celebradas o pasado ano na Arxentina e no Uruguai. Deste xeito, a Xunta busca seguir conectando o talento da Galicia exterior coas oportunidades laborais do tecido produtivo galego e favorecer o retorno da cidadanía galega emigrada e dos seus descendentes. Ademais, o obxectivo das reunións é seguir tendendo lazos coa diáspora.
As xuntanzas cos cónsules xerais de España en São Paulo e Salvador de Bahía enmárcanse na aposta autonómica pola colaboración institucional para ofrecer unha atención máis eficaz aos preto de 55.000 galegos residentes no Brasil, o segundo país de América Latina con máis galegos.
Neste contexto, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, salientou o papel dos consulados na atención ás necesidades actuais da cidadanía galega no exterior e no fortalecemento das relacións económicas e institucionais. Tamén á hora de facilitar o retorno a Galicia daquelas persoas que queiran regresar, engadiu. De aí que sexa clave, expuxo, a coordinación con eles para ofrecer unha atención acorde ás necesidades da cidadanía galega.
Feira de emprego e encontros coa colectividade galega
En relación coa feira de emprego, trátase dunha acción encadrada no modelo galego de atracción de talento promovido pola Xunta e vinculada ao programa Retorna Cualifica Emprego, incluído na Estratexia Galicia Retorna. Con este programa, a Xunta busca favorecer, da man das empresas, o regreso a Galicia de persoas que emigraron ou dos seus descendentes con traballos ofertados en orixe. A ambas citas asistirá José González xunto con Antonio Rodríguez Miranda e nelas as persoas asistentes poderán coñecer ofertas en sectores clave, da man das empresas e clústeres galegos participantes.
Ademais, entre hoxe e o vindeiro luns o conselleiro manterá en São Paulo, Santos e en Salvador de Bahía varias reunións con representantes de distintas entidades da colectividade galega que desempeñan un importante labor na atención da cidadanía galega no Brasil e na difusión da cultura e tradicións galegas.