A Xunta investirá máis de 3,7 M€ para equipar os centros educativos con 13.000 pezas de mobiliario e material

A Consellería de Educación licita tres contratos para renovar aulas de todas as etapas e talleres de FP, ademais de recursos para alumnado con necesidades especiais

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2026

A Xunta de Galicia investirá este ano máis de 3,7 M€ para mellorar a dotación dos centros educativos galegos mediante a adquisición de case 13.000 novas unidades de mobiliario, equipamento e recursos para alumnado con necesidades educativas especiais. Para iso, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP ten en licitación nestes momentos tres contratos, divididos en 60 lotes, coa previsión de que o material estea dispoñible xa este mesmo ano.

Esta acción enmárcase no Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta da Xunta dotada con 500 M€ de investimento para actualizar e modernizar as infraestruturas educativas galegas, con especial énfase na rehabilitación de colexios e institutos.

No que atinxe ao mobiliario, cun orzamento de máis de 1,7 M€ dividido en 20 lotes, ten como obxectivo subministrar equipamento ás aulas, bibliotecas, salas de usos múltiples e zonas administrativas e de reunión dos centros educativos de Infantil, Primaria e Secundaria. Serán 11.995 unidades de pupitres, cadeiras, andeis, armarios, gradas móbiles, mesas de lectura e de comedor, percheiros, taboleiros e encerados, entre outros.

Nas ensinanzas de Formación Profesional habilítanse 1,8 M€ en 34 lotes para a compra de 186 unidades de equipamento. Isto comprende maquinaria para os talleres co obxectivo de que os estudantes poidan aprender en contornas reais. Co este fin, incorpóranse ferramentas como centros de mecanizado industrial verticais, máquinas universais de ensaios, escuadradoras de control electrónico de tres eixos para madeira, fresadoras CNC didácticas, tornos paralelos convencionais, adestradores de hidráulica, bancos de prácticas dobre pneumático e electropneumático, un sistema de aspiración de lascas de madeira ou unha cabina de vernizado para acabados de moble, entre outras.

Finalmente, cun orzamento de case 195.000€ e seis lotes, licitáronse 695 unidades de diverso material didáctico destinado ao alumnado con necesidades educativas especiais. En concreto mercaranse equipos de motricidade fina e interior, material de apoio á Pedagoxía Terapéutica, material de desenvolvemento da linguaxe, mesas de luz, equipos de sonoridade e de luminosidade. Tamén bloques lóxicos e xogos de aprendizaxe de matemáticas, bloques de construción, quebracabezas de varios tipos.

Data de actualización: 07/06/2026