A empresa Sparc Foundry incorpórase á FP na área de Vigo que, con 11.221 prazas novas, concentra a maior oferta de toda Galicia para o próximo curso
O conselleiro de Educación asina con director técnico desta firma líder en fotónica un convenio para o novo ciclo de FP Dual Intensiva de Técnico superior en Mantemento electrónico no Instituto Ricardo Mella
Román Rodríguez salienta a aposta da Xunta pola Formación Profesional na cidade de Vigo que, como cabeza da área metropolitana, aglutina 7.410 prazas formativas
O Goberno galego reforza a oferta de prazas públicas de FP ata acadar as 5.570 (un 2,58% máis), e as concertadas mantéñense nas actuais 1.840
Impúlsase de xeito especial a FP Acelerada, unha vía exclusiva e pioneira de Galicia que conta con 220 prazas para o próximo curso
Así mesmo, a FP Adaptada duplica as prazas no programa formativo básico que foi liderado este curso de xeito piloto na Escola de Promoción de Adultos do Berbés
Vigo, 5 de xuño de 2026
A empresa Sparc Foundry incorpórase á Formación Profesional galega na área de Vigo que, con 11.221 prazas novas, concentra a maior oferta formativa do conxunto de Galicia para o vindeiro curso 2026-27.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e Francisco Soares, fundador e director técnico de esta firma líder europea en fotónica, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a posta en marcha do novo ciclo de FP Dual Intensiva de Técnico superior en Mantemento electrónico, que se impartirá no Instituto Ricardo Mella, onde tivo lugar o acto de sinatura.
O titular de Educación da Xunta salientou que este acordo se enmarca na folla de ruta do Goberno galego de afianzar unha Formación Profesional que dea resposta ás necesidades do alumnado e do tecido socio-produtivo ao tempo que reforza a aposta decidida pola innovación e a internacionalización.
Neste senso, lembrou que a FP galega é hoxe “un dos sinais de identidade da Galicia Calidade” grazas á colaboración e a confianza de empresas como SPARC Foundry, que lidera desde Vigo un proxecto estatal e europeo para a produción de chips fotónicos, unha tecnoloxía esencial para telecomunicacións avanzadas, defensa, automoción, intelixencia artificial, computación cuántica e dispositivos biomédicos de alta precisión.
Durante a súa visita ao Instituto Ricardo Mella de Vigo, onde estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, o conselleiro deu conta da aposta do Goberno galego polo impulso das ensinanzas de Formación Profesional na cidade de Vigo e en toda a área metropolitana, “que se afianza aínda máis de cara ao vindeiro curso”, sinalou.
Reforzo das prazas públicas de FP
Así pois, do total das 11.221 prazas de novo ingreso ofertadas na área viguesa para o próximo curso, 7.410 concéntranse na cidade de Vigo, o que supón un crecemento de preto do 2% (con 140 prazas máis) que o actual curso. “Este crecemento elévase a máis do 28% se se teñen en conta os últimos catro anos de vixencia do Plan Conecta”, sinalou o conselleiro.
Cómpre subliñar tamén que a oferta pública medra ata acadar as 5.570 (un 2,58% máis que o pasado curso), mentres que a oferta de prazas concertadas mantense nas 1.840 actuais. “Isto é, que o 75 de cada 100 prazas novas que ofertamos en Vigo son prazas públicas”, recalcou o conselleiro.
No que atinxe ao tipo de modalidade, 6.130 prazas (o 82,7%) son presenciais, mentres que 1.280 (17,3%) son a distancia, o que permite atender un nicho de demanda importante de persoas que, en moitas ocasións, xa están traballando, pero que optan por recualificarse a través da FP, segundo explicou Román Rodríguez.
En Vigo poderanse estudar o vindeiro curso un total de 23 familias profesionais e seis delas aumentan as prazas dispoñibles. Destaca especialmente a familia de Edificación e obra civil, que aumenta un 24,18% ata as 226 prazas, e a de Imaxe persoal, cun crecemento dun 14,69% ata as 328 prazas. Se ben, en termos absolutos, a familia que máis prazas concentra é a de Administración e xestión (844) seguida de Sanidade (827) e Electricidade e electrónica (790).
Novas titulacións
En canto ás novas titulacións, cómpre destacar o reforzo da FP Acelerada, unha modalidade pioneira de Galicia que arrancou por primeira vez este curso e que o vindeiro curso contará con 220 prazas en Vigo (cun crecemento de case o 67%).
A cidade olívica contará con tres novas ofertas de FP Acelerada que son as de Implantacións e control de proxectos e obras de edificación (44 prazas no IES Politécnico), Montaxe e mantemento de infraestruturas de telecomunicacións, redes locais de datos e sistemas de telefonía (22 prazas no IES Ricardo Mella) e Montaxe e mantemento de instalacións de megafonía, sonorización de locais e circuíto pechado de televisión (22 prazas tamén no IES Ricardo Mella).
Os títulos de alta especialización acadan as 148 prazas (un 25,42% máis) e destaca o novo ciclo de Administración e finanzas especializado en seguros que se impartirá no Ricardo Mella.
Así mesmo, a FP Adaptada que se iniciou como experiencia piloto este curso para o programa formativo de Comercio na Escola de Promoción de Adultos refórzase con 36 prazas (o dobre que as 18 actuais).
Finalmente, tamén se amplía a Vigo o programa experimental de aulas nómades especializadas en FP Básica, cunha nova aula deste tipo que dará servizo ao ciclo básico de Electricidade e electrónica no IES República Oriental do Uruguai. E na área viguesa, concretamente o Instituto Pazo da Mercé de As Neves, terá outra para o ciclo básico de Mantemento de vehículos.