O xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández Campa, inaugurou a xornada Terapias Avanzadas: Estratexia Galega de Oncoloxía de Precisión, que se celebra en Santiago de Compostela
Destacados profesionais das terapias avanzadas reúnense en Santiago para abordar os avances científicos e regulatorios da medicina de precisión
Galicia será a primeira comunidade en contar cun Centro de protonterapia para atender pacientes de cancro na sanidade pública
A Estratexia Galega de Oncoloxía de Precisión combina a prevención, o diagnóstico, a innovación e o acceso ás terapias máis avanzadas e personalizadas
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2026
O xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández Campa, resaltou o valor da Estratexia galega de oncoloxía de precisión como folla de ruta para facer que os avances científicos poidan chegar antes aos pacientes e aplicarlles os seus beneficios.
Así o sinalou na súa intervención durante a inauguración da xornada Terapias Avanzadas: Estratexia Galega de Oncoloxía de Precisión, que se celebra esta mañá no Hotel Palacio del Carmen, en Santiago de Compostela, coa participación de destacados profesionais das terapias avanzadas.
Na xornada, destacouse o papel estratéxico do Centro de Terapias Avanzadas de Galicia. A súa nova directora do organismo, Marta Español, inmunóloga clínica, incorpórase nun momento clave para a consolidación do centro como facilitador da traslación biomédica á práctica clínica. “As terapias avanzadas, especialmente no eido do tratamento do cancro, representan un cambio de paradigma asistencial, ao posibilitar tratamentos altamente personalizados baseados nas características biolóxicas de cada paciente, mellorando a súa eficacia e os resultados en saúde”, sinalou a responsable do Centro de Terapias Avanzadas de Galicia.
Pola súa parte, Manel Juan, coordinador nacional da rede TERAV +, describiu o camiño desde a creación desta rede e o Consorcio CERTERA (Consorcio Estatal en Rede para o Desenvolvemento de Medicamentos de Terapias Avanzadas), unha infraestrutura científico-técnica en rede para coordinar, producir e acelerar o desenvolvemento de tratamentos innovadores de vangarda.
Segundo indicou, Manel Juan, xefe do Servizo de Inmunoloxía do Hospital Clínic de Barcelona e experto internacional en medicamentos CAR-T, as terapias avanzadas en España permitiron o desenvolvemento de diversas propostas académicas que non só permitiron definir novas propostas, senón chegar a dispoñer de aprobación regulatoria para o seu uso en pacientes e converterse nun “modelo español” que é amplamente valorado a nivel internacional.
Neste contexto, a directora da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), María Jesús Lamas, abordou o impulso das terapias avanzadas desde o punto de vista regulatorio. A galega, figura clave do impulso aos tratamentos CAR-T a nivel estatal polo seu papel como regulador das novas terapais a implementar no Sistema Nacional de Saúde, defendeu o papel do Sistema Nacional de Saúde como investigador e produtor, totalmente complementario ao da industria farmacéutica comercial.
Pola súa banda, César Hernández, director xeral de Carteira Común de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia, analizou as opcións de desenvolvemento destes tratamentos en España e o marco europeo.
No eido científico, a xornada contou tamén coa galega Elena Sotillo, investigadora científica sénior no Stanford Cancer Institute, que falou do redeseño das terapias CAR-T para tumores sólidos e de como pasar da enxeñaría celular á aplicación clínica.
Presentou unha visión transformadora do medicamento, onde as terapias celulares deixan de ser produtos farmacéuticos estáticos para converterse en "medicamentos vivos" capaces de ser programados e optimizados. Comezou eloxiando o “Modelo Español: ARI-001” como exemplo global de fabricación no punto de atención hospitalaria, que permite terapias alcanzables e un acceso máis rápido para os pacientes.
A xornada continúa con dúas mesas de debate, unha sobre o Desenvolvemento da investigación clínica académica, moderada por Alicia Piñeiro, subdirectora xeral de Xestión Asistencial e Innovación do Servizo Galego de Saúde, na que participaron Carlos Fernández de Larrea, xefe de Hematoloxía do Hospital Clínic de Barcelona, o coordinador de I+D+i do Plan Regional de Terapias Avanzadas de Cantabria, Óscar M. Pello, e Laura Bao, vicepresidenta do Comité CAR-T do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.
Ademais, a subdirectora xeral de Farmacia do Sergas, Marisol Samartín, moderou a mesa sobre a Implementación dos fármacos CAR-T ao arsenal terapéutico en Galicia, con Víctor Noriega, presidente do Comité CAR-T e Ignacio Hernández, técnico superior da subdirección xeral de Farmacia do Sistema Nacional de Saúde.