A Xunta lanza en Arteixo co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente a campaña ‘Comercio Compensa’ a prol do consumo local e sostible

Arteixo (A Coruña), 5 de xuño de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta mañá en Arteixo no lanzamento da campaña autonómica Comercio Compensa. Co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente e baixo o lema Transformar o consumo para coidar o planeta, a iniciativa da Xunta —neste caso, en colaboración co Centro Comercial Aberto e co Concello de Arteixo— persegue fomentar as compras de proximidade apelando a un consumo máis responsable, sostible e respectuoso coa contorna. A previsión é desprazarse coa campaña a un total de 60 localidades galegas entre este ano e o que vén.

No marco dos obxectivos de Compensa, o Goberno galego insta a apostar polo comercio local e polos produtos de proximidade, a consumir de forma máis consciente e a alongar a vida útil dos artigos que mercamos. Tamén a reducir envases innecesarios e a empregar bolsas reutilizables e, nese senso, todas as persoas que se achegasen ao punto informativo instalado en Arteixo cun tícket de compra procedente de calquera establecemento comercial do concello recibían como obsequio unha bolsa de tea coa imaxe da campaña.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2026