O delegado territorial da Xunta visitou o concello da Bola, un dos municipios beneficiados por estas subvencións na convocatoria do ano anterior

Manuel Pardo subliña os máis de 940.000 € que a Xunta destina a 23 concellos ourensáns para reducir as infiltracións nas redes de saneamento

Manuel Pardo supervisou o estado das obras para a rehabilitación de colectores con infiltracións e de dixitalización de infraestruturas de saneamento, na que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático investiu preto de 45.000 euros, ao abeiro desta orde de axudas no ano 2025 

O delegado territorial destacou que a Xunta, a través de Augas de Galicia, abriu o pasado 20 de maio o prazo de presentación de solicitudes dunha nova edición destas subvencións, cun orzamento de máis de 2,5 M€ e que se poden pedir ata o 22 de xuño

O representante do Goberno galego puxo en valor o compromiso da Xunta co proceso de mellora dos sistemas de abastecemento, saneamento e depuración municipais, a través dun esforzo continuo por apoiar ás administracións locais e ás comunidades de usuarios particulares na optimización dos sistemas de xestión dos recursos hídricos

Ourense, 5 de xuño de 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello da Bola para, acompañado da alcaldesa, María Teresa Barge, supervisar o estado das obras para a rehabilitación de colectores con infiltracións e de dixitalización de infraestruturas de saneamento, nas que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático investiu preto de 45.000 euros, ao abeiro da orde de axudas do ano 2025 para a execución de actuacións para reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipais.

O delegado territorial explicou que os concellos ourensáns beneficiados da convocatoria do ano anterior foron, ademais da Bola, Castrelo do Val, Oímbra, Castrelo de Miño, Bande, Trasmiras, Petín, Toén, Cualedro, Boborás, A Arnoia, Vilar de Barrio, Xunqueira de Espadanedo, Monterrei, Muíños, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, O Riós, Vilamarín, Vilamartín de Valdeorras, Os Blancos, Coles e Vilardevós. En total, concedéronse o ano pasado na provincia axudas por un importe de máis de 940.000 euros a 23 concellos.

Aproveitando a súa visita ao municipio, Manuel Pardo lembrou que a Xunta, a través de Augas de Galicia, abriu o pasado 20 de maio o prazo de presentación de solicitudes dunha nova edición destas subvencións, cun orzamento de máis de 2,5 M€, que permanecerá activo ata o próximo 22 de xuño. Deste xeito ofrece aos concellos de menos de 20.000 habitantes a posibilidade de executar actuacións para minimizar as perdas de auga en sistemas de abastecemento de concellos da comunidade autónoma. Neste sentido, tamén detallou que o importe das subvencións será do 100 % do investimento da actuación proposta, excluído o IVE, co límite máximo de 45.000 euros por solicitude.

O representante do Goberno galego concluíu poñendo en valor o compromiso da Xunta co proceso de mellora dos sistemas de abastecemento, saneamento e depuración municipais, a través dun esforzo continuo por apoiar ás administracións locais e ás comunidades de usuarios particulares na optimización dos sistemas de xestión dos recursos hídricos.

Actuacións

Para reducir as infiltracións do colector da rede de saneamento, Manuel Pardo sinalou que se procedeu á rehabilitación da parte do colector existente nuns 100 metros de lonxitude, mediante tubaxe cunha manga continua introducida dentro do colector, composta de fibra de vidro e poliéster impregnada de resinas e curada en obra con raios ultravioletas. Así mesmo, para a corrección das distintas deficiencias asociadas ás infiltracións no pozo de rexistro, arraxáronse mediante sistemas de impermeabilización a base de formigóns de reparación, resinas e morteiro hidrófugo.

En canto ás actuacións relativas á dixitalización, o delegado territorial indicou que se  instalaron sistemas de control dixital de dúas fosas con transmisión de datos por tecnoloxía de radio e con baterías sen que fose necesaria ningunha fonte de alimentación externa. Con estes sistemas dixitais obtense información e control sobre o funcionamento destas infraestruturas, achegando datos como pode ser a medición de nivel e monitorización en continuo, co cal se ten unha mellor xestión dixital do ciclo urbano da auga.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2026