A Xunta premia en Narón as persoas consumidoras implicadas na campaña ‘Merca no teu comercio’ a prol do consumo local

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participaron na entrega de tarxetas regalo realizada tras a iniciativa levada a cabo en colaboración coa Federación Galega de Comercio

Alén aproveitou para destacar a boa acollida na provincia da Coruña da primeira edición de 2026 dos Bonos Activa Comercio, onde se mobilizaron case 3,6 M€ en vendas e se adheriron uns 2.400 establecementos

Narón (A Coruña), 5 de xuño de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe na entrega de premios da campaña Merca no teu comercio desenvolvida no concello coruñés de Narón, enmarcada na colaboración da Xunta coa Federación Galega de Comercio. Alí, puxo de relevo o pulo que supoñen estas iniciativas para o consumo local e lembrou que se volverán percorrer 40 localidades que non teñen centros comerciais abertos, chegando a máis de 60 asociacións de comerciantes.

Ata o 15 de xuño está en marcha unha nova quenda de campañas de Merca no teu comercio, tras as realizadas na segunda metade de maio, das que agora se entregan 20 tarxetas regalo por valor de 50 € en cada caso. Na provincia da Coruña, está vixente a iniciativa, concretamente, nos concellos de Muros e Outes.

No resto de Galicia, tamén se están levando a cabo accións nos concellos ourensáns da Gudiña, A Veiga, Maceda, O Bolo e Viana do Bolo; nos lugueses de Burela, Cervo, Covas, O Vicedo e Xove; e nos pontevedreses de Gondomar, Mos, Nigrán, O Rosal, Oia e Tui.

Quen queira participar debe rexistrar a súa compra na web www.mercanoteucomercio.com, da que tamén poderá deixar constancia o comerciante, duplicando así as posibilidades de gañar da clientela. Cómpre sinalar que en 2025 se rexistraron máis de 92.000 participacións nos distintos concellos.

Bonos Activa Comercio

Alén aproveitou para destacar a boa acollida na provincia da Coruña da primeira edición de 2026 dos Bonos Activa Comercio, onde se mobilizaron preto de 3,6 M€ euros en vendas e se implicaron uns 2.400 establecementos. Segundo recordou, a previsión é investir un total de 5 M€ este ano na iniciativa, tras os 2,5 M€ de orzamento para descontos que se esgotaron o pasado luns. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2026