A delegada territorial de Ferrol participou na praia de Esmelle na solta de 4 exemplares desta ave coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente
Martina Aneiros destaca o compromiso da Xunta coa conservación e protección da píllara das dunas
A acción enmárcase dentro do programa de incubación artificial de ovos e cría de polos non voandeiros que desenvolve a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela
Os exemplares foron criados en catividade no Centro de Recuperación da Fauna Silvestre que ten a Xunta en Oleiros
Ferrol, 5 de xuño de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, participou esta mañá na solta de 4 exemplares de píllara das dunas na praia de Esmelle coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente.
Esta acción intégrase dentro do programa de incubación artificial de ovos e cría de polos non voandeiros de píllara das dunas como unha medida prevista no plan de conservación desta especie, promovido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC)
No marco desta iniciativa, que se vén desenvolvendo no Centro de Recuperación da Fauna Silvestre que ten a Xunta en Oleiros co fin de aumentar o éxito reprodutor destas aves, foron criados un total de 12 polos de píllara que serán liberados en varias soltas progresivas no areal. No caso destas crías, os seus ovos foron retirados do niño para protexelos de adversidades atmosféricas que ameazaban o seu seguro desenvolvemento. A de hoxe é a primeira solta de exemplares, evento que se repetirá durante os meses de xuño e xullo ata deixar en liberdade á totalidade dos polos.
A delegada territorial aproveitou a ocasión para poñer en valor este programa da Xunta, único en Europa, e difundir o proxecto Iberalex do Programa EP-Interreg VA España-Portugal Iberalex, no que se enmarca e que ten como fin mellorar a conservación da píllara das dunas no espazo transfronteirizo. “Con esta iniciativa renóvase o compromiso de Galicia con esta especie mentres avanzamos na conservación das praias e zonas húmidas da comunidade”, sinalou Aneiros.
O Executivo galego avanza así en accións responsables coas que mellorar o estado de conservación da píllara das dunas compatibilizándoo cos usos humanos recreativos e extractivos nun escenario de cambio climático, o que tamén contribuirá á conservación doutras especies de fauna e flora dependentes do ecosistema das praias e zonas húmidas supralitorais e continentais.
Neste sentido, a delegada territorial da Xunta de Ferrol agradeceu o traballo do persoal técnico da Consellería, vixiantes e axentes medioambientais así como do persoal dos centros de recuperación de fauna silvestre e da Universidade de Santiago de Compostela pola súa implicación e dedicación neste proxecto, “xa que son fundamentais para preservar a biodiversidade galega”, apuntou.
Aneiros lembrou que este programa de incubación artificial de ovos e cría de polos se acompaña de labores de seguimento e de protección dos niños mediante parcelas de exclusión e da instalación de balizamentos temporais arredor das áreas críticas para a nidificación da especie. Ao mesmo tempo, adóitanse instalar paneis informativos dirixidos aos usuarios dos areais para advertir da presenza destes espazos sensibles.
A poboación española da píllara das dunas —Charadrius alexandrinus— atópase maioritariamente na costa mediterránea e en Andalucía, mentres que a presenza no norte, na área cantábrico-atlántica, unicamente se atopa en Galicia, onde nidifica principalmente nas praias da comunidade entre marzo e xullo.