A Xunta avanza na programación do campus formativo de emprego autónomo cun novo curso centrado nas claves para a rendibilidade económica dos negocios
Esta acción formativa estruturada en 10 pílulas de cinco minutos cada unha, permite ás persoas participantes aprender a calcular custos reais, definir prezos e marxes de seguridade ou deseñar ofertas e paquetes estratéxicos, entre outras cuestións
Enmárcase na programación do novo espazo dixital impulsado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, unha plataforma destinada a mellorar e facer medrar os pequenos negocios con formación práctica, sinxela e orientada a resultados
O obxectivo desta iniciativa é poder ofrecer unha ferramenta gratuíta de capacitación continua pensada especialmente para persoas autónomas, emprendedoras e comerciantes
A oferta tamén inclúe o curso ‘Vender por WhatsApp Business’ e proximamente está previsto o lanzamento dunha formación práctica para aprender a darse de alta como autónomo ou constituír unha sociedade
Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2026
A Xunta de Galicia continúa avanzando na consolidación do Campus formativo de emprego autónomo coa recente activación dun novo curso deseñado para mellorar a toma de decisións económicas nas actividades empresariais e reforzar a súa rendibilidade.
Baixo o título Valórate: rendibiliza o teu negocio, o programa ofrece unha aprendizaxe práctica e aplicada, estruturada en 10 pílulas formativas de aproximadamente 5 minutos cada unha, centradas en contidos clave para a xestión económica do negocio. Entre outros aspectos, permite ás persoas participantes aprender a calcular custos reais —incluíndo custos fixos, variables e custos invisibles—, definir prezos e marxes de seguridade, e deseñar ofertas e paquetes estratéxicos orientados a incrementar o ticket medio sen comprometer os beneficios.
A formación inclúe tamén o desenvolvemento dun plan de acción comercial, que permite establecer unha política de descontos coherente e aplicable ao día a día, incorporando métricas e obxectivos para profesionalizar a xestión económica do negocio.
O Campus formativo de emprego autónomo é un espazo dixital gratuíto impulsado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e dirixido a persoas autónomas, emprendedoras e comerciantes co obxectivo de mellorar a xestión e o rendemento dos seus negocios a través de formación práctica, breve e orientada a resultados.
Actualmente tamén está en marcha a formación Vender por WhatsApp Business con mensaxes, seguimento e peche, que se centra no uso profesional desta ferramenta como canle de venda e atención ao cliente, incorporando contidos aplicados ao día a día das actividades económicas. Ademais, está previsto que nos vindeiros días se lance Persoa autónoma ou sociedade: alta e obrigas básicas, unha formación práctica para aprender a darse de alta como autónomo ou constituír unha sociedade, cumprindo todas as obrigas legais, fiscais e administrativas. Coñeceranse paso a paso os trámites, modelos oficiais e requisitos clave para xestionar a actividade con seguridade. Inclúe unha visión clara da estrutura legal, facturación, impostos e mantemento do negocio desde o inicio.
O campus formativo consolídase deste xeito como unha ferramenta estable de capacitación, baseada en formacións curtas, modulares e altamente prácticas, complementadas con titorización especializada para o acompañamento das persoas participantes.
As persoas interesadas poden consultar toda a programación e formalizar a súa inscrición na páxina do propio Campus.