A Xunta de Galicia pon en valor a aposta da Shopping Night do Centro Comercial Aberto Ourense Centro por vincular ocio e consumo local

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, asistiron hoxe á iniciativa apoiada polo Goberno galego no marco das axudas aos centros comerciais abertos, dotadas con 2,5 M€

No marco do evento e co gallo do Día do Medio Ambiente, presentouse a campaña autonómica ‘Comercio Compensa’, que busca fomentar as compras de proximidade instando a un consumo máis consciente, sostible e respectuoso coa contorna

Ourense, 5 de xuño de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, asistiu hoxe á Shopping Night organizada polo Centro Comercial Aberto (CCA) Ourense Centro e apoiada pola Xunta ao abeiro das axudas a este tipo de entidades, dotadas con 2,5 M€ neste 2026. Alí, destacou a implicación de máis de 80 establecementos na iniciativa, non só garantindo a apertura ao público ata a medianoite senón tamén a través de actividades paralelas como música, degustacións ou sorteos concibidos para atraer a clientela. 

Alén salientou o compromiso autonómico coa excelencia dos centros comerciais abertos e aproveitou para lembrar iniciativas da Xunta nesta dirección como a acción formativa que se está a promover en xestión e transformación comercial destinada a profesionais e responsables de áreas comerciais urbanas deica o vindeiro 19 de xuño.

A maiores, recordou que está aberto ata o 15 de xuño o prazo para concorrer aos Premios do Comercio Galego 2026, destinados a poñer en valor o bo facer das e dos comerciantes da Comunidade nun total de cinco categorías: Comercio Galego, Comercio Traxectoria, Comercio Emprende, Comercio Dinamización e Comercio Sostible.

Comercio Compensa

No marco da Shopping Night do CCA Ourense Centro e co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente, aproveitouse para presentar a campaña autonómica Comercio Compensa, baixo o lema Transformar o consumo para coidar o planeta. Esta iniciativa da Xunta persegue fomentar as compras de proximidade apelando a un consumo máis responsable, sostible e respectuoso coa contorna, coa previsión de desprazarse a un total de 60 localidades galegas entre este ano e o que vén.

No marco dos obxectivos de Compensa, o Goberno galego insta así a apostar polo comercio local e polos produtos de proximidade, a consumir de forma máis consciente e a alongar a vida útil dos artigos que mercamos. Tamén a reducir envases innecesarios e a empregar bolsas reutilizables e, nese senso, todas as persoas que se achegasen ao punto informativo instalado en Ourense cun tícket de compra procedente de calquera establecemento comercial do concello recibían como obsequio unha bolsa de tea coa imaxe da campaña. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2026