María José Gómez define Elmega coma un referente da innovación do sector agrogandeiro en Galicia

A conselleira do Medio Rural clausurou o acto celebrado en Santa Comba polo seu 50 aniversario, no que destacou a capacidade produtiva e calidade desta empresa

Salientou a súa facilidade de adaptación aos novos tempos, converténdose nun exemplo de modernización e profesionalización

Puxo en valor o compromiso de Elmega co territorio, xa que é un exemplo de que dende o rural galego se pode crear industria, xerar emprego e competir nos mercados internacionais

Santa Comba (A Coruña), 5 de xuño de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, clausurou o acto polo 50 aniversario de Elmega, no que definiu a este empresa como un referente da innovación do sector agrogandeiro en Galicia. Neste evento, valorou o esforzo, tanto dos gandeiros como da empresa, no proceso de modernización e profesionalización para adaptarse aos novos tempos e ás innovacións neste eido produtivo. Incidiu en que é grazas a este compromiso polo que as explotacións galegas, e en concreto Elmega, son un exemplo de capacidade produtiva, calidade e adaptación.

Así, recalcou que detrás de cada avance tecnolóxico hai un obxectivo moi claro e importante por parte de Elmega, “facerlle a vida máis fácil ás persoas que traballan todos os días no campo”. Conectando con esta idea, a conselleira sinalou os beneficios que os avances tecnolóxicos supoñen para as explotacións, reducindo esforzos, gañando eficiencia e mellorando as condicións de traballo. Neste contexto, afirmou que ao longo dos anos a empresa logrou desenvolver unha tecnoloxía propia, rexistrar patentes e modelos industriais e consolidarse como un referente dentro e fóra de Galicia.

Tamén fixo fincapé no compromiso de Elmega co territorio. Expresou que, nun momento no que a innovación se adoita vincular aos grandes centros urbanos, esta empresa demostra que tamén dende o rural se pode crear industria, xerar emprego, desenvolver tecnoloxía e competir nos mercados internacionais.

Finalmente, a titular de Medio Rural remarcou a importancia de mirar cara o futuro, enumerando algúns dos retos que o sector agrogandeiro ten por diante, como son a remuda xeracional, a sustentabilidade, a dixitalización, a eficiencia enerxética ou a competitividade das explotacións. Deste xeito, reafirmou  o apoio por parte do Goberno da Xunta para seguir medrando neste sentido.

 Axudas para maquinaria eficiente

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural vén de convocar unha liña de axudas para promover a adquisición de maquinaria eficiente e de agricultura de precisión, dotada con 8,6 millóns de euros, cuxo prazo de solicitude está aberto ata o 22 deste mes.

O obxectivo destas achegas é favorecer a modernización dos equipos das explotacións e fomentar nelas o uso de tecnoloxías que permitan unha utilización máis eficiente dos recursos naturais nos procesos produtivos. Con elas preténdese tamén promover a incorporación nas granxas de equipamento máis eficiente enerxeticamente, o que contribúe a aumentar a rendibilidade ambiental do sector agrario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2026