A directora xeral de Xuventude deu conta do programa ‘Galicia Moza con Alma’ na Comisión 4ª do Parlamento

Lara Meneses destaca o apoio da Xunta á formación e empregabilidade da mocidade en situación de vulnerabilidade

Salienta que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude facilita este ano que 25 mozos realicen prácticas non laborais en Portugal, Irlanda, Francia e Italia 

A Asociación Sustinea, a Fundación  Nortempo, a escola de tempo libre Don Bosco, ValoreSC Innovation e a ONG Mestura están levando a cabo esta iniciativa

Pon en valor o feito de que, na edición-piloto de 2025, conseguiuse un 60 % de inserción laboral da rapazada participante

Este programa forma parte das 133 medidas do Plan estratéxico de xuventude 2025-2027, que conta con máis de 700 M€ para mellorar a calidade de vida da xente moza

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2026

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, destacou hoxe o apoio que a Xunta está a dar “a mellorar a formación e a empregabilidade da mocidade en situación de vulnerabilidade”. Fíxoo na súa intervención na Comisión 4ª do Parlamento galego, onde deu conta dos resultados do programa ‘Galicia Moza con Alma’, que este ano está a facilitar que 25 mozos e mozas nestas circunstancias realicen este ano prácticas formativas non laborais de, entre tres e catro meses, en empresas de Portugal, Irlanda, Francia e Italia.

A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que esta formación é posible grazas aos “interesantes proxectos” que están desenvolver cinco entidades sen ánimo de lucro co apoio de preto de 600.000 € ao abeiro deste programa. Deste xeito,  precisou que en cada unha delas están a participar cinco mozos e mozas. Trátase, segundo informou, da Asociación Sustinea, de desenvolvemento sustentable e conservación ambiental; a Fundación Nortempo, de formación e asesoramento de persoas en situación de risco de exclusión social; a escola de tempo libre Don Bosco; ValoreSC Innovation, de aplicación de proxectos sociais e educativos e a ONG Mestura, que traballa con colectivos en situación de vulnerabilidade.

Lara Meneses salientou que os proxectos van dirixidos á mocidade “con baixo nivel formativo, que leve desempregada longo tempo, estea empadroada nun concello rural ou se atope en situación de risco de exclusión social”. Desta forma, puxo en valor que os  participantes recibirán, de xeito personalizado, “acompañamento, preparación, formación e titorización” en empresas das  cidades portuguesas de Lisboa, Amarante e Braga; na irlandesa de Cork; nas italianas de Lucca, Florencia Torre do Lago,  Viareggio, Vicenza, Verna, Milán e Torino, e nas francesa de Saint Germain-Sur Moine.

Deste xeito, avanzou que, tras estas estancias e ao seu regreso a Galicia, será cando dea comezo a última fase do programa. “Nela, a mocidade participante vai contar con apoio continuado para que poidan desenvolver as novas capacidades adquiridas co obxecto de facilitar o seu acceso a un emprego ou seguir estudando e ampliando a súa formación”, destacou. Para iso, segundo pormenorizou, estarán dentro dun plan complementario en habilidades e competencias para o emprego, cun mínimo de 20 horas lectivas.

60% de inserción laboral

Con respecto a esta iniciativa, a directora xeral de Xuentude lembrou que na primeira edición-piloto de Galicia Moza con Alma participaron 12 persoas que realizaron estadías formativas na cidade irlandesa de Cork e nas lusas de Amarante e Lisboa, cunha inserción laboral de preto do 60 % ao rematar o súa participación no proxecto.

Finalmente, lembrou que este programa é unha das 133 medidas do Plan estratéxico de xuventude 2025-2027, aprobado en abril deste mesmo ano, e que conta cun orzamento de máis de 700 M€ “para marcar a folla de ruta a folla do Goberno galego dos vindeiros tres anos”. “O seu obxectivo é mellorar a calidade de vida da xente nova, as súas competencias e capacidades, á vez que a súa participación activa no desenvolvemento económico, social e cultural de Galicia”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2026