A Xunta apoia ao IDIS e ás empresas Biodigital Tech e Edisa para desenvolver software de IA aplicado á atención sanitaria

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participa no acto de presentación desta nova unidade mixta de investigación en Santiago

O obxectivo desta alianza público-privada é desenvolver e validar prototipos de asistentes virtuais médicos en contornas hospitalarias reais contribuíndo a situar a Galicia como referente en saúde dixital e medicina de vangarda

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2026

A Xunta apoia a creación dunha nova unidade mixta de investigación composta polo Instituto de investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e as empresas galegas Biodigital Tech e Edisa Directora, que unen talento para desenvolver software de intelixencia artificial aplicado á atención sanitaria. A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou esta mañá na presentación desta alianza, bautizada como MedIA, que conta cun orzamento de máis de 1,9 M€, dos que 0,77 M€ son achegados polo Goberno autonómico. 

O obxectivo desta unidade mixta é desenvolver e validar clinicamente un software de intelixencia artificial aplicado á atención sanitaria. Segundo apuntou a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, esta segunda unidade mixta do IDIS alíñase con dúas prioridades do Plan galego de I+D+i da Xunta: as tecnoloxías profundas e a biotecnoloxía para contribuír a situar a Galicia Calidade como un referente na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable e envellecemento activo para así poder ofrecer un mellor servizo ao paciente.

A directora da Axencia destacou a idoneidade do consorcio impulsado pola Xunta, que integra a experiencia da empresa de biotecnoloxía BioDigital Tech no desenvolvemento de solucións de intelixencia artificial aplicadas ao ámbito sanitario; a traxectoria de Edisa no desenvolvemento e implementación de solucións de xestión empresarial, e a capacidade de xeración de coñecemento e de acceso ao Hospital Clínico Universitario de Santiago para a realización de estudos en contornas reais do Instituto IDIS. 

Neste senso, Carmen Cotelo lembrou que Galicia contará tamén cunha factoría de IA aplicada á saúde 1HealthAI, que reforzará as capacidades da nosa Comunidade no desenvolvemento de solucións avanzadas coma esta. 

Período 2026-2028

Esta unidade mixta é unha das dez apoiadas na última convocatoria da Xunta de Galicia, que se desenvolverán entre 2026 e 2028, e que son cofinanciadas por fondos europeos no marco do programa Galicia Feder 21-27. O obxectivo é fomentar a colaboración entre organismos de investigación e empresas para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos para Galicia. Desde 2014, ano no que se puxo en marcha este instrumento, lévanse apoiado 64 unidades mixtas de investigación, nas que participaron 52 empresas e 16 centros de coñecemento galegos, mobilizando máis de 180 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2026