O Servizo Galego de Saúde publica o nomeamento como persoal estatutario fixo e a adxudicación de destino definitivo para o ingreso en tres categorías

Resultan nomeados 6 profesionais: 3 na categoría de médico de urxencias hospitalarias, 2 na de facultativo especialista en pediatría e as súas áreas específicas e 1 no grupo auxiliar da función administrativa

As persoas nomeadas disporán do prazo dun mes para incorporarse á praza adxudicada

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo dos aspirantes seleccionados no proceso selectivo, polo sistema de concurso,  para o ingreso na categoría de médico de urxencias hospitalarias (resolución do 11 de maio de 2023).

Tamén na xornada de hoxe se publican no Diario Oficial de Galicia as resolucións polas que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo aos aspirantes seleccionados no concurso-oposición e no concurso de méritos, para o ingreso na categoría de facultativo especialista en pediatría e as súas áreas específicas e na categoría do grupo auxiliar da función administrativa.

Deste xeito, a resolución destes procesos de adxudicación de destino suporá a incorporación de 6 profesionais fixos ás institucións sanitarias do sistema público de saúde de Galicia: 2 facultativos especialistas en pediatría e as súas áreas específicas, 1 no de auxiliar da función administrativa e 3 médicos de urxencias hospitalarias.

As persoas nomeadas disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación destas resolucións, para incorporarse á praza adxudicada. O prazo de toma de posesión remata o 8 de xullo.

As listas atópanse publicadas e á disposición das persoas interesadas na páxina web do Servizo Galego de Saúde, no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Data de actualización: 08/06/2026