A Xunta leva ata o concello de Valdoviño o seu proxecto de divulgación dos oficios artesanais Artesanía na Escola

O artesán Jorge Bellón, protagonista da unidade didáctica ‘Eu son artesán de figuras de pan’, achegouse hoxe ata o CPI Atios para facer unha demostración da elaboración de sanandresiños, os amuletos típicos de Santo André de Teixido

A Fundación Artesanía de Galicia impulsa esta iniciativa de divulgación entre os máis pequenos no que se presentan os oficios artesanais como unha profesión de futuro, concienciando sobre o valor do produto artesanal e da marca Artesanía de Galicia

Valdoviño (A Coruña), 8 de maio de 2026

A Fundación Artesanía de Galicia levou esta mañá o proxecto Artesanía na Escola ata o CPI Atios, en Valdoviño, a través dunha demostración do artesán Jorge Bellón, especializado na elaboración de figuras de miga de pan típicas de Santo André de Teixido, os sanandresiños. Jorge Bellón protagoniza a terceira das unidades didácticas que forman parte deste programa de divulgación impulsado pola Xunta, denominada Eu son artesán de figuras de pan, centrada da elaboración dos sanandresiños, na que estiveron traballando os nenos e nenas previamente.

O artesán Jorge Bellón dedícase a reproducir estes amuletos ancestrais, moldeados con fariña e pintados á man, que se empregaban tradicionalmente para apelar a protección do santo en diferentes aspectos da vida: a flor para o amor, a barca para as viaxes, o santo para a saúde e para a amizade, a sardiña para o alimento, a man para os estudos, a escaleira para o traballo, a coroa para a protección e a pomba para a paz.

 

Artesanía na escola é un programa de divulgación impulsado pola Xunta dende o ano 2023 dirixido a achegarlle os oficios artesanais e os valores da artesanía aos nenos e nenas de colexios de toda Galicia. Os obxectivos deste programa son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico; poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos; divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea; transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular; e por último, a longo prazo, atallar a remuda xeracional nos oficios artesanais.

O proxecto iniciouse coa unidade didáctica Eu son zoqueira, dedicada ao oficio dos zoqueiros a través da figura de Elena Ferro, responsable do taller Eferro (Merza, Vila de Cruces). A segunda das unidades didácticas, Eu son artesán de percusión tradicional, está protagonizada por Xosé Manuel Salvado Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela) e centrada na historia e elaboración dun dos instrumentos máis tradicionais de Galicia, a pandeireta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/06/2026