O presidente da Xunta participou no acto de graduación dos 282 alumnos e alumnas desta rama na UVigo
Rueda pon en valor o talento dos novos enxeñeiros industriais como o motor clave para seguir consolidando Galicia como unha terra de oportunidades e innovación
Reafirma o orgullo que supón para Galicia contar cun mapa de titulacións —con preto de 130 graos no sistema autonómico— dinámico e capaz de reter e atraer o talento, convertendo o esforzo das aulas nun retorno económico e social real
O Plan Galego de Financiamento Universitario 22-26 mobiliza máis de 3.200 M€, case 600 millóns máis que o anterior, e a Xunta xa está a dar os pasos previos para a elaboración do novo marco plurianual desde o consenso
Galicia é a primeira comunidade na que o ensino é gratis desde a escola infantil ata a universidade grazas ás medidas impulsadas pola Xunta
Vigo, 8 de xuño de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu esta tarde ao acto de graduación do alumnado da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo (UVigo), onde puxo en valor o talento, o esforzo e a excelencia técnica das novas promocións como o piar fundamental sobre o que se edifica o futuro económico e social da comunidade.
Durante a súa intervención no acto, que tivo lugar no Auditorio de Congresos Mar de Vigo e no que tamén estivo presente o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, Rueda felicitou de xeito explícito aos 282 alumnos e alumnas que graduados en dez graos e dobres graos e dous mestrados especializados.
O mandatario autonómico subliñou que Galicia precisa de profesionais altamente cualificados para que o seu tecido produtivo siga medrando, liderando e xerando riqueza na casa. Así, asegurou que a comunidade precisa do seu talento para seguir sendo competitiva e innovadora e, do mesmo xeito, o Goberno galego seguirá traballando para que esta sexa o lugar idóneo onde desenvolver as súas carreiras e que continúe sendo unha terra de oportunidades.
O xefe do Executivo galego tamén aproveitou a ocasión para aplaudir a crecente presenza de mulleres nas orlas técnicas, rachando de forma definitiva con vellos estereotipos de xénero nas disciplinas STEM.
Un sistema universitario de prestixio
Alfonso Rueda reafirmou o orgullo que supón para Galicia contar cun mapa de titulacións —con preto de 130 graos no sistema autonómico— dinámico e capaz de reter e atraer o talento, convertendo o esforzo das aulas nun retorno económico e social real.
Así, recalcou que o éxito que hoxe se celebra baséase na fortaleza dun sistema universitario público galego cohesionado, accesible, de prestixio internacional e sen barreiras económicas desde a escola infantil ata os campus.
A este respecto, o Plan Universitario 22-26 contempla a mobilización histórica de 3.200 millóns de euros, o que supón un incremento de case 600 M€ respecto ao plan anterior. Así mesmo, a Xunta xa está a dar os pasos previos para elaborar o seguinte marco estratéxico de financiamento, que se deseñará, como é habitual, desde o consenso e o diálogo permanente entre a administración autonómica e as tres universidades públicas galegas.
Entre as medidas de apoio do Goberno aos universitarios galegos destaca a posta en marcha da matrícula gratuíta para o alumnado de grao, sempre e cando conten cun bo desempeño académico. Unha iniciativa que prima a excelencia do alumnado e promove a retención de talento na nosa Comunidade e que, xunto coa conxelación dos prezos de matrícula, fan da universidade galega a máis accesible de toda España. Isto converte a Galicia na primeira comunidade en ter un ensino totalmente gratuíto desde a escola infantil ata a universidade.