A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, asinou esta mañá o acordo co alcalde
O Fondo de Cooperación da Xunta facilita ao concello da Baña a execución das obras de mellora dun viario municipal na zona de Troitosende
Finánciase o proxecto para a mellora das condicións de circulación e seguridade dun viario municipal que conecta co límite municipal cara a Vilacova a través dun préstamo de preto de 294.000 €, a través deste fondo dirixido a municipios de menos de 50.000 habitantes
O prazo para que os concellos poidan solicitar este préstamo sen xuros mantense aberto ata o 15 de outubro
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2026.
A Xunta coopera co Concello da Baña no obxectivo de facilitarlle as actuacións de mellora proxectadas nun viario municipal na zona de Troitosende, en concreto para executar as obras de mellora das condicións de circulación e seguridade do viario que conecta co límite municipal cara a Vilacova.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, asinou esta maña co alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil., un convenio para o financiamento desta intervención. Trátase da concesión dun préstamo, sen xuros, de 293.611,10 euros. proporcionado polo Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes.
O convenio firmado hoxe en San Caetano no marco deste fondo, permitirá así executar as obras de rehabilitación do firme existente mediante a renovación da capa de rodaxe e a mellora da drenaxe e sinalización viaria deste viario municipal.
Esta intervención desenvolverase mediante esta iniciativa da Xunta que está destinada a financiar actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, dotado con algo máis de 3M€. Trátase de préstamos sen xuros que os concellos poden devolver no prazo máximo de 8 anos.
O prazo para que os concellos poidan solicitar este préstamo sen xuros mantense aberto ata o 15 de outubro