A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático clausurou hoxe o foro 'Impacto do cambio climático nos recursos hídricos' organizado pola Voz de Galicia e Facsa

A Xunta avoga pola anticipación e a planificación adaptativa na xestión dos recursos hídricos nun contexto marcado polo quecemento global

Tras sinalar que os extremos climáticos relacionados coa auga son cada vez máis frecuentes, Ángeles Vázquez incide en que xa non se poden tomar decisións en base só a datos históricos senón que hai que adiantarse para reforzar a resiliencia hídrica

Destaca a singularidade de Galicia, unha comunidade con auga en abundancia e unha precipitación media superior á doutras rexións pero na que a xestión dos servizos hídricos é especialmente complexa pola gran dispersión da súa poboación

Defende o traballo de Augas de Galicia neste eido, que incide na cooperación cos concellos, na dixitalización dos procesos e na modernización das infraestruturas hidráulicas, con 65 M€ comprometidos ata 2030 para afrontar inundacións e secas

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2026

A Xunta de Galicia defende un modelo de xestión dos recursos hídricos baseado na anticipación e na planificación de políticas e accións adaptadas á realidade da Comunidade nun escenario marcado a nivel mundial polo quecemento global e os seus efectos.

Así o expuxo esta mañá en Santiago a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que participou na clausura do foro organizado por La Voz de Galicia e a empresa Facsa baixo o título Impacto do cambio climático nos recursos hídricos, que serviu para presentar o último estudo realizado pola entidade sobre os efectos dos extremos climáticos na auga.

Tras sinalar que tanto os períodos de seca prolongada como os episodios de chuvia intensa e inundacións son cada vez máis frecuentes a nivel mundial, a responsable autonómica incidiu en que, neste contexto, xa non se pode abordar a xestión hídrica baseándose exclusivamente nos rexistros históricos existentes. Pola contra, avogou por planificar e prepararse con antelación ante eventuais eventos extremos e emerxencias que poidan ter unha incidencia directa na dispoñibilidade de auga.

Segundo as conclusións do estudo realizado por Facsa, Europa é o continente que máis rápido se está quentando e nestes momentos se calcula que o estrés hídrico xa afecta cada ano a aproximadamente o 20% do territorio europeo e ao 30% da súa poboación.

Neste contexto, a realidade de Galicia ofrece un escenario singular e complexo. Tal e como destacou a conselleira, trátase dun territorio caracterizado pola abundancia de auga e por un patrimonio hídrico moi diverso, cunha rede fluvial de máis de 30.000 km e precipitacións medias anuais que superan á da maior parte das comunidades españolas.

A conselleira tamén recordou que Galicia concentra arredor da metade dos núcleos de poboación de todo o país e, de feito, ten unha das maiores dispersións poboacionais de Europa, unha característica que fai que a xestión da auga e a prestación dos servizos básicos relacionados coa mesma sexa particularmente complexa.

A modo de exemplo, cómpre sinalar que a rede de saneamento autonómica está integrada por máis de 25.000 km de colectores e que no conxunto da comunidade hai máis de 5.000 captacións inventariadas, 929 Estacións de tratamento de auga potable (ETAP) e 156 Estacións de depuración de augas residuais (EDAR) de gran capacidade.

Esforzo sen precedentes

Ángeles Vázquez destacou o labor realizado por Augas de Galicia neste eido co obxectivo de levar os servizos de abastecemento e de depuración a miles de núcleos de poboación repartidos por todo o territorio galego.

Neste sentido, explicou que para poder ofrecer solucións específicas e adaptadas á realidade autonómica, a clave está nun modelo de xestión baseado na cooperación institucional cos concellos, que son os que teñen as competencias sobre estes servizos; na dixitalización dos procesos para dispoñer de máis e mellores datos e na aposta por proxectos innovadores, pioneiros e baseados nas mellores ferramentas tecnolóxicas (como Innovaugas 4.0. ou AugaTech); e na modernización e renovación das infraestruturas hidráulicas existentes.

En concreto, incidiu en que a Xunta está a facer “un esforzo sen precedentes” para reforzar a resiliencia hídrica de Galicia ante fenómenos extremos. Así, só este ano o organismo hidráulico autonómico destinará 89 millóns de euros do seu orzamento a executar obra pública e no marco da súa estratexia fronte ás inundacións, ten reservados de aquí a 2030 investimentos por un importe global de 65 millóns de euros.

“Temos todos os elementos necesarios para converter Galicia nun referente na xestión sostible da auga”, rematou a conselleira, que destacou que o 80% das masas de auga baixo a competencia da Xunta se atopan en bo estado (por riba do 60% estatal) e que desde 2009 se logrou reducir os puntos de vertido contaminantes do 45% ao 6,2% do total. En todo caso, insistiu na necesidade de seguir traballando na mesma liña porque as decisións que se adopten hoxe neste eido terán unha incidencia clave na capacidade de adaptación e resiliencia das futuras xeracións ao cambio climático.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2026