A Xunta destaca a economía social como modelo empresarial de referencia centrado nas persoas e con capacidade para conectar talento e territorio
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe en Vigo no foro de recursos humanos ‘Transforma HR’, onde puxo en valor a importancia da dimensión social nestas fórmulas de negocio
Destacou os 45,8 M€ que o Goberno galego destina en 2026 a este ámbito, que permitirán consolidar o bo momento do sector tras pechar o pasado ano con 250 entidades máis e 760 novas persoas socias, máis da metade mulleres
Mariño tamén participou hoxe en Vigo na inauguración da xornada ‘Corresponsables’, onde destacou a iniciativa autonómica Responsabilízate, que avoga pola sustentabilidade en pemes e microempresas
Destacou que se trata dun programa pioneiro en España de asesoramento personalizado e gratuíto en materia de sustentabilidade, do que xa se levan beneficiado case 700 pemes galegas
Vigo, 9 de xuño de 2026
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe en Vigo no foro de recursos humanos Transforma HR cun relatorio no que defendeu a economía social como un modelo empresarial referente centrado nas persoas e con impacto directo na xestión do talento e na xeración de emprego aliñado coas necesidades do territorio.
Neste sentido, destacou que a Estratexia galega de economía social horizonte 2030 se estrutura en base a un “triángulo equilátero” no que se integran as dimensións social, económica e ambiental. Así mesmo, salientou a achega destas fórmulas de negocio ao dinamismo económico de Galicia nun contexto de forte expansión do sector, no que só en 2025 se crearon preto de 250 novas entidades de economía social —entre cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción—, o que supuxo a incorporación de máis de 760 persoas socias promotoras, das que máis da metade son mulleres. Uns datos que, segundo indicou, evidencian a consolidación e o crecente protagonismo da economía social no tecido produtivo galego.
Mariño sinalou ademais que a Xunta destina 45,8 M€ en 2026 para reforzar os apoios ao sector e contribuír á súa visibilidade. Engadiu tamén que este ano será clave no ámbito normativo, coa aprobación da nova Lei de Cooperativas de Galicia, coa que se actualizará o marco regulador do sector para adaptalo aos retos actuais e futuros, nun contexto no que a Comunidade supera xa as 2.000 cooperativas activas.
5ª edición de Responsabilízate
Na mañá de hoxe, Marta Mariño participou tamén na inauguración da xornada Corresponsables, que reuniu expertos en RSE e representantes do tecido empresarial baixo o lema Sostibilidade 360º: liderado, innovación, regulación e comunicación responsable.
Durante a súa intervención, subliñou que o Goberno galego mantén aberto o prazo de solicitude da quinta edición do programa Responsabilízate, unha iniciativa pioneira en España de asesoramento personalizado e gratuíto en materia de sustentabilidade para pemes da que xa se levan beneficiado máis de 700 entidades galegas.
Así mesmo, destacou que o programa facilita a implantación do selo Responsabilízate, que contribúe a consolidar unha comunidade empresarial comprometida coa responsabilidade social, a boa gobernanza e a sustentabilidade, favorecendo a transformación das pemes e a súa adaptación a un mercado en continua evolución.
Tamén lembrou que, co gallo de recoñecer as mellores prácticas no ámbito da RSE, ata o 17 de xuño segue aberto o prazo de presentación de candidaturas dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, nos que se conceden dous tipos de galardóns: Premio á Responsabilidade Social Empresarial (nas categorías de pequena, mediana e grande empresa) e unha Mención á Conciliación.