Medio Rural, as Forzas e Corpos de Seguridade e as Forzas Armadas reforzan a súa coordinación na vixilancia, investigación e actuación fronte aos incendios forestais
A conselleira María José Gómez presidiu hoxe unha reunión con responsables destes corpos, na que tamén tomaron parte expertos da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO)
Lembrou que o Goberno galego aprobou o Pladiga 2026 cun investimento récord de 213 millóns de euros; reforzando todas as súas áreas, desde a prevención ata a formación, pasando pola detección, a disuasión, a investigación e a extinción
Amosou o seu agradecemento e recoñecemento á valentía, profesionalidade e disposición permanente ao servizo público de todo o persoal mobilizado nestas tarefas
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2026
A Consellería do Medio Rural reforza a súa coordinación coas forzas e corpos de seguridade do Estado e Forzas Armadas na loita contra os incendios forestais, especialmente en materia de vixilancia e investigación. Este foi o eixo principal da reunión presidida hoxe en San Caetano pola titular do departamento, María José Gómez, con responsables destes corpos e dos servizos de emerxencias, na que tamén tomaron parte os directores xerais de Defensa do Monte, Manuel Francisco; e de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.
A conselleira empezou por agradecer e recoñecer “a valentía, profesionalidade e disposición permanente ao servizo público” de todo o persoal mobilizado nestas tarefas, desde os membros do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) ata os integrantes das Forzas Armadas, pasando polos bombeiros municipais e consorciados; os Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES); Protección Civil; Garda Civil; Policía Nacional e Policía Autonómica.
Neste encontro participaron representantes da Xunta, tanto de Medio Rural como da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes; da Garda Civil (Seprona e unidades territoriais); da brigada Galicia e do Quinto Batallón de Intervención en Emerxencias (BIEM V) da UME, ambos corpos do Exército; da Unidade de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia e da Policía Nacional. Tamén, axentes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural.
Neste contexto, a conselleira lembrou que a Xunta aprobou o Plan de prevención e defensa contra incendios forestais (Pladiga 2026) cun investimento récord de 213 millóns de euros, reforzando todas as súas áreas, desde a prevención ata a formación, pasando pola detección, a disuasión, a investigación e a extinción.
Máis medios humanos e materiais
A actualización do Pladiga 2026 incorpora máis medios humanos e materiais na loita contra o lume. Así, no que atinxe ao persoal, incorporaranse 42 novas brigadas e refórzase a Unidade de Directores de Extinción (UDEX), especializada en grandes incendios forestais, cunha ampliación de efectivos, que pasan de 6 a 15. No que respecta ao material, inclúense máis medios aéreos, con dous novos avións de carga en terra, un avión de coordinación e un helicóptero pesado. Ademais, súmanse ao dispositivo 16 novas pas (bulldozer), a maiores dos 18 lotes de maquinaria pesada xa despregados, para labores preventivas.
Ao tempo, séguense realizando labores preventivos durante todo o ano, con iniciativas a través dos 19 distritos forestais, o convenio con Seaga para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, o Plan de pastos ou o apoio á gandaría en extensivo.
Nesta liña, a conselleira incidiu tamén na importancia da tecnoloxía como “aliado imprescindible” na defensa fronte os incendios. Así, fixo fincapé no reforzo de ferramentas como a videovixilancia, os drons e a intelixencia artificial para mellorar a detección temperá, a coordinación -que situou como “un dos distintivos do modelo galego”- e a capacidade de resposta.
Cómpre engadir que este tipo de reunións de traballo a nivel xeral teñen tamén o seu reflexo nas catro provincias galegas, de forma que a través delas refórzase a coordinación no plano provincial e mesmo a nivel de distrito forestal, para intensificar esa cooperación sobre o territorio.