A Xunta realiza labores de conservación fluvial en preto de 5,3 quilómetros de varios ríos, no concello pontevedrés de Poio

As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante 11 semanas e inclúen a retirada de árbores caídas e biomasa das canles fluviais para evitar atoamentos 

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2026

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial en preto de 5,3 quilómetros dos ríos Frieira, Covelo, Esperón, Mouro, Vilariño e dous tramos do río Cancela, entre outros, no concello pontevedrés de Poio. 

En concreto, as tarefas, que xa foron comunicadas ao Concello, desenvólvense en varios lugares das parroquias de Samieira, Combarro e Poio, e consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos, así como tamén na roza puntual e na eliminación de especies exóticas invasoras. Os traballos, que se prolongarán ao longo de 11 semanas, realizaranse coa aplicación de motoserras, rozadoiras, podadoras e outras ferramentas manuais, que contarán co apoio de maquinaria de maiores dimensións como unha minidumper e un camión. 

Unha vez rematadas estas actuacións, os tramos fluviais presentarán mellores condicións para a circulación das augas, contribuíndo tamén á conservación do ecosistema fluvial e á prevención de incidencias asociadas á acumulación de elementos na canle. 

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).

O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/08/2026