O conselleiro de Sanidade, acompañado polo xerente da área sanitaria de Vigo, interveu na inauguración do XXVIII Congreso da Sociedade Española de Cirurxía Cardiovascular
Gómez Caamaño destaca o liderado do Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo en cirurxía cardiovascular coa aplicación de técnicas pioneiras e case 670 intervencións ao ano
O conselleiro sinala ao Álvaro Cunqueiro como un dos principais referentes nacionais nesta disciplina
Refire a visión global do Sergas desta especialidade, en base ao desenvolvemento de programas avanzados de insuficiencia cardíaca e do impulso da cirurxía minimamente invasiva
Subliña que o que define á cirurxía cardiovascular galega é a súa capacidade de traballar en equipo, integrando coñecemento e profesionais para ofrecer as mellores solucións aos pacientes
Tamén destaca as políticas preventivas e de detección precoz, consolidando unha estratexia sanitaria que sitúa a saúde cardiovascular como unha prioridade no sistema público galego
Vigo, 11 de xuño de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe o liderado do Hospital Público Álvaro Cunqueiro en cirurxía cardiovascular coa aplicación de técnicas pioneiras e case 670 intervencións ao ano, das que 533 son cirurxías maiores, consolidando este centro da rede do Sergas como un dos principais referentes nacionais nesta disciplina.
O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, interveu no acto de inauguración do XXVIII Congreso da Sociedade Española de Cirurxía Cardiovascular.
Neste foro, o conselleiro remarcou que, nos últimos anos, a sanidade galega reforzou a súa posición de liderado internacional en técnicas valvulares pioneiras, cun especial protagonismo do Álvaro Cunqueiro, que está na vangarda en procedementos minimamente invasivos e en novas estratexias en materia de intervención cardiovascular.
Polos de innovación
Galicia conta con tres polos de innovación, os complexos hospitalarios de Vigo, de Santiago de Compostela e da Coruña; tres hospitais que participan activamente en rexistros internacionais, ensaios clínicos e programas de formación avanzada recoñecidos pola Sociedade Española de Cirurxía Cardiovascular e Endovascular.
Para o máximo responsable do Sergas, esta rede asistencial reforza a aposta decidida de Galicia pola innovación como eixe vertebrador da súa sanidade e faino desde unha visión global desta especialidade.
Esta aposta baséase no desenvolvemento de programas avanzados de insuficiencia cardíaca, no impulso da cirurxía minimamente invasiva e cunha sólida cultura de colaboración e liderado compartido.
Se hai algo que precisamente define á cirurxía cardiovascular galega é a súa capacidade de traballar en equipo, integrando coñecemento e profesionais para ofrecer as mellores solucións aos pacientes.
Todo este esforzo compleméntase co impulso de políticas preventivas e de detección precoz, consolidando unha estratexia sanitaria que sitúa a saúde cardiovascular como unha prioridade no sistema público galego.
Galicia representa un modelo que combina innovación, volume asistencial, formación e investigación, co obxectivo común de mellorar os resultados en saúde e a vida dos pacientes.
Para rematar a súa intervención, o titular de Sanidade incidiu en que este modelo de atención non sería posible sen o alto nivel dos profesionais do Servizo Galego de Saúde, cuxa cualificación, compromiso e vocación de mellora constitúen o principal activo da sanidade pública.