A Xunta felicita ao instituto de Becerreá polo proxecto ‘Tamén en galego’

O director xeral de Centros e Recursos Humanos participou na entrega do Premio á Lingua e á Cultura ao sector da hostalaría do concello polo seu uso da lingua galega

Becerréa (Lugo), 11 de xuño de 2026

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, felicitou hoxe ao Instituto de Becerreá polo proxecto Tamén en Galego, unha iniciativa impulsada polo centro para promover o uso da lingua propia de Galicia nas administracións e establecementos do concello lucense. Fíxoo durante a súa participación na entrega do Premio á Lingua e á Cultura 2026 ao sector da hostalaría de Becerreá, acto co que se pecha esta iniciativa, desenvolvida ao longo deste curso e o pasado.

O representante da Consellería de Educación , Ciencia, Universidades e FP sinalou que este tipo de iniciativas ”combinan aprendizaxe competencial, compromiso social e dinamización lingüística, ao tempo que contribúen a estreitar a relación da comunidade educativa co seu entorno máis próximo”. Neste sentido, agradeceu ao tecido empresarial colaborador e autoridades locais o seu apoio ao desenvolvemento da iniciativa.

Na primeira fase do proxecto o alumnado realizou un diagnóstico sobre o uso do galego en diferentes ámbitos da vila, do que xurdiu a elaboración dun podcast divulgativo difundido a través das canles do centro educativo e das redes sociais. No presente curso, a iniciativa entrou nunha fase de intervención, na que se desenvolveron actuacións para incrementar de maneira efectiva a presenza da lingua na contorna. Entre as accións realizadas destacan a elaboración e tradución de materiais comerciais, o deseño de carteis normalizadores e a creación de modelos documentais adaptados ao uso da lingua galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2026