O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, acompañado pola directora xeral de FP, participa na entrega de premios da terceira edición do certame
Román Rodríguez destaca o programa InnovaTech como un escaparate da I+G+i na FP Galega
Salienta o récord de participación, con máis de 1.250 alumnos e docentes implicados, e agradece a confianza das empresas na formación que se dá nestas ensinanzas
Un total de 14 centros educativos de toda Galicia resultan premiados por traballos que dan resposta a retos tecnolóxicos de 20 empresas
As propostas premiadas incorporaranse á área de emprendemento do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros para o seu desenvolvemento
Culleredo (A Coruña), 12 de xuño de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe o programa InnovaTech FP como “un escaparate da I+G+i, a investigación e a innovación que se desenvolve na FP galega”. Na entrega dos premios da terceira edición do programa, na que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou que deste certame naceu xa a primeira patente da FP galega, así como unha empresa. Isto demostra que estas ensinanzas “son unha oportunidade para o emprendemento do alumnado e tamén para o desenvolvemento dos sectores produtivos de Galicia”, incidiu.
Román Rodríguez salientou o récord de participación nesta terceira edición, con 254 equipos inscritos, compostos por 1.016 alumnos e alumnas e arredor de 240 docentes coordinadores. “É dicir, máis de 1.250 membros da comunidade educativa galega implicados en analizar os retos propostos polas empresas, investigar posibles solucións, poñelas en práctica e elaborar unha proposta final”, dixo. “Son un gran exemplo da Galicia Calidade que facemos entre todos”, engadiu.
Así mesmo, agradeceu a confianza das 20 empresas participantes no programa na FP galega. “Moitos dos que estades hoxe aquí repetides experiencia no programa InnovaTech, o que demostra que esta iniciativa funciona para todas as partes implicadas”, sinalou Román Rodríguez.
O conselleiro rematou felicitando a todos os participantes e, moi especialmente aos 14 centros galardoados. Entre eles, destaca o Centro Integrado de FP Valentín Paz Andrade (Vigo), que obtivo o premio especial desta edición pola resolución do reto de Naturgy. Grazas a isto, visitarán o Centro de control de Hidráulicas da empresa en Ourense, viaxarán a Madrid para coñecer as instalacións da compañía e achegaranse ao Museo Bolarque, en Guadalajara, dedicado á industria eléctrica.
Cómpre destacar tamén que o CIFP Ferrolterra (Ferrol) acada catro premios, o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense) tres e o CIFP Politécnico de Santiago (Santiago de Compostela) e o IES Politécnico de Vigo (Vigo) outros dous cada un.
Ademais, as 20 propostas premiadas incorporaranse á área de emprendemento industrial do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, onde contarán cos medios dispoñibles para a súa incubación e aceleración, de tal forma que poidan derivar na creación de empresas innovadoras e de base tecnolóxica.
A relación de centros premiados e retos e a reflectida na seguinte táboa:
|
EMPRESA |
RETO |
CENTRO GAÑADOR |
|
1-Naturgy |
Presas con Futuro: Enerxía e Natureza en Equilibrio. |
CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo). Premio especial InnovaTech 2026 |
|
2-L’Oreal |
Innovación dixital para a xestión integral de salóns de perruquería |
IES de Teis (Vigo) |
|
3-Veolia |
Economía circular a través da peletización de residuos de desbaste |
CIFP Ánxel Casal-Monte Alto (A Coruña) |
|
4-Finsa |
Valorización e novos usos das virutas de madeira de piñeiro |
CIFP Politécnico de Santiago (Santiago de Compostela) |
|
5-elPulpo |
Aplicación para a medición da rendibilidade do mobiliario en puntos de venda |
IES García Barbón (Verín) e CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense) |
|
6-Fundación San Rosendo |
A musicoterapia como ferramenta de benestar integral |
CIFP As Mercedes (Lugo) |
|
7-Diesemm |
Plataforma intelixente para o impulso do turismo deportivo |
CIFP Universidade Laboral (Culleredo) |
|
8-Repsol |
Trazabilidade intelixente de equipos e repostos no taller de instrumentación |
CIFP Montecelo (Pontevedra) |
|
9-EBA |
Sistema de trazabilidade loxística e de procesos en fábrica de mobiliario de alta gama |
CIFP Ferrolterra (Ferrol) |
|
10-Grupo Cuevas |
Sistema de reciclaxe, depuración e aproveitamento da auga en procesos de pelado e cocción de castañas |
CIFP Ferrolterra (Ferrol) |
|
11-WindWaves |
Sistema automático para a montaxe e axuste de tubos en jackets offshore |
CIFP Ferrolterra (Ferrol) |
|
12-Grupo Gestán |
Solucións circulares para a valorización de residuos complexos |
CIFP Someso (A Coruña) |
|
13-Quescrem |
Identificación de canles colmatadas en membranas de ultrafiltración mineral e sistemas de limpeza non invasivos |
IES Politécnico de Vigo (Vigo) |
|
14-HP |
Plataforma de vixilancia intelixente do tráfico marítimo en augas galegas |
CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense) |
|
15-Applus+ |
Sistema de medida efectiva de caudais de baixo custo en colectores de saneamento eQsan+ |
CIFP Politécnico de Santiago (Santiago de Compostela) |
|
16-Porto-Muiños |
Aplicación interactiva para descubrir o potencial gastronómico das algas |
CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense) |
|
17-GRI Towers Galicia |
Visión artificial para a detección de defectos en láminas de aceiro de gran espesor |
IES Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño) |
|
18-CIE Galfor |
Deseño de garras para a manipulación de pezas de forxa de aluminio sen marcas superficiais |
IES Politécnico de Vigo (Vigo) |
|
19-Rodríguez López Auto |
Mellora de unións multimaterial a base selante |
IES O Ribeiro (Ribadavia) |
|
20-Grupo Intaf |
Carro de ferramentas autónomo |
CIFP Ferrolterra (Ferrol) |
Asesoramento do Eduardo Barreiros
O programa InnovaTech TP divídese en dúas fases. Na primeira delas, os centros inscritos reciben información sobre as actividades nas que as empresas presentan a alumnado e docentes os diferentes retos. Así mesmo, facilítaselles formación en metodoloxías áxiles para impulsar o proceso creativo e adquirir coñecemento clave que lles permitan afrontar os desafíos proposto e introducir innovación en produtos, servizos e modelos de negocio, entre outras competencias, a partires das que elaboran as súas propostas de solución aos retos das empresas.
Unha vez seleccionados os proxectos que pasan á segunda fase, os centros desenvólvenos co apoio técnico do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros. Nesta segunda etapa reciben, a maiores, formación en técnicas clave como o prototipado, a creación dun produto mínimo viable, a validación de produtos ou técnicas de comunicación e marketing. Presentadas as propostas finais, os equipos realizan unha exposición das mesmas nunha xornada para que a comisión de selección escolla as solucións gañadoras que hoxe reciben o premio.