Declarada a situación 2 como medida preventiva no incendio forestal de Padrón, parroquia de Herbón
Esta situación operativa de emerxencia declárase pola proximidade do lume aos núcleos de Cruxeiras de Abaixo e Sobrerribas, trala reactivación dun dos flancos do incendio
Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2026.
A Consellería do Medio Rural informa de que se declarou a Situación 2, como medida preventiva, pola proximidade do incendio forestal de Padrón, parroquia de Herbón, aos núcleos de poboación de Cruxeiras de Abaixo e Sobrerribas.
Este lume iniciouse ás 16.01 horas de onte venres e trala reactivación, esta tarde, dun dos seus flancos, afecta arredor de 180 hectáreas de superficie, segundo as últimas estimacións provisionais. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 4 técnicos, 36 axentes, 47 brigadas, 33 motobombas, 3 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 7 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.