Declarada a situación 2 como medida preventiva no incendio forestal de Boborás, parroquia de Moreiras
Segundo as últimas estimacións provisionais, o lume afecta unha superficie de 150 hectáreas
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2026
A Consellería do Medio Rural informa de que se declarou a Situación 2, como medida preventiva, no incendio forestal do concello ourensán de Boborás, parroquia de Moreiras, que permanece activo. Esta situación operativa de emerxencia declárase pola proximidade do lume ao núcleo de Vecoña.
Este lume iniciouse ás 21.55 horas de onte sábado e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 4 técnicos, 8 axentes, 20 brigadas, 11 motobombas, 2 unidades técnicas de apoio, 3 pas, 5 helicópteros e 9 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.