A Xunta realiza labores de conservación fluvial en preto de dous quilómetros de ríos de Vedra e A Estrada
As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante preto de catro semanas e inclúen a retirada de árbores caídas das canles fluviais para evitar atoamentos
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2026
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial en varios tramos de varios ríos, que suman preto de dous quilómetros, nos concellos de Vedra e A Estrada, que xa foron informados do inicio dos traballos.
En concreto, no caso do concello de Vedra, as tarefas desenvólvense nun tramo de preto de 1,1 quilómetros do río Pazos, ao seu paso polas parroquias de Santa Madalena de Ponte Ulla e Santa Cruz de Ribadulla. Pola súa banda, no concello da Estrada, os traballos acometeranse en algo máis de 800 metros do río Vieites na parroquia de San Xiao de Arnois.
As actuacións, que se prolongarán durante preto de catro semanas, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos e Os traballos realizaranse coa aplicación de motoserras, rozadoiras e outras ferramentas manuais, que contarán co apoio de maquinaria de maiores dimensións como unha minidumper.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.