A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta e o concello da Lama estudan fórmulas de colaboración para a mellora do saneamento municipal

Ángeles Vázquez indica que o persoal de Augas de Galicia analizará a proposta do Goberno local para determinar a súa viabilidade e establecer as posibles vías de colaboración tanto técnica como financeira entre ambas administracións

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde da Lama, David Carrera, estudaron nunha reunión que mantiveron esta mañá o proxecto municipal para mellorar o saneamento na localidade.

En concreto, o alcalde expuxo á conselleira o seu interese por acometer a ampliación da rede de saneamento na parroquia da Lama co obxectivo de acadar unha cobertura próxima ao 95% da cidadanía e dos inmobles existentes nesa área, que é a de maior poboación do municipio.

Pola súa banda, Ángeles Vázquez emprazou ao rexedor a remitir o proxecto a Augas de Galicia para sometelo a supervisión técnica por parte do seu persoal co fin de determinar a viabilidade do mesmo así como as posibles vías de colaboración tanto técnica como financeira entre ambas administracións.

De feito, a conselleira puxo en valor o apoio técnico e económico que a Xunta vén prestando aos concellos desde hai anos para que poidan exercer as súas competencias en materia de abastecemento e de saneamento dun xeito máis eficiente.

Este apoio ás administracións locais reflíctese tamén nos orzamentos deste ano, cun orzamento global de Augas de Galicia de 151,7 millóns de euros (un 5,5% máis que en 2025) dos que 7 de cada 10 euros se destinarán a abastecemento e saneamento —108,7 millóns de euros— e case a metade —73,6 millóns de euros—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/06/2026