O conselleiro de Ciencia comparece no Parlamento a petición propia para informar dos avances no desenvolvemento do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027
A Xunta captará máis dun centenar de científicos internacionais cos novos programas do plan de I+G+i
Román Rodríguez salienta os fitos “impensables hai poucos anos” da Galicia Calidade en talento investigador, infraestruturas científico-tecnolóxicas e proxección exterior
Detalla o despregamento de Talentgal, Galtia, Retorna Talento I+G+i e Oportunius para atraer, reter e captar científicos de alto nivel competitivo e especialización
Avanza que o Goberno galego aprobará e presentará a vindeira semana a ambiciosa Estratexia de excelencia da biotecnoloxía en Galicia 2026-2030
Anuncia que a Fábrica europea de IA comeza a contratación dos primeiros perfís profesionais para estar plenamente operativa en 2028
Informa de que a elaboración da nova Lei de ciencia e innovación avanza a bo ritmo coa previsión de sacar a exposición pública o texto o vindeiro outono
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2026
A Xunta captará máis dun centenar de científicos internacionais grazas aos novos programas do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027. Así o avanzou hoxe no Parlamento o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, que compareceu no Pleno a petición propia para dar conta dos avances en materia de I+G+i no ecuador do devandito plan.
O balance desta folla de ruta confirma os avances na captación de talento de alto nivel para traballar nos centros de investigación da nosa Comunidade, precisamente unha das apostas da Galicia Calidade. Como explicou o titular de Ciencia, son varios os programas que se están a por en marcha para atraer científicos a Galicia. Un deles é Talentgal, co que virán á nosa Comunidade 40 profesionais e para o que xa está aberta a convocatoria dos 20 primeiros. Pola súa banda, a Fundación Galtia, o maior instrumento impulsado ata o momento para a captación de talento, xa está constituída e os trámites en marcha para lanzar nos próximos meses a primeira convocatoria, que en sucesivos anos, prevé acadar os 30 científicos de prestixio mundial. Ademais, estase a reforzar o programa Oportunius, vencellado a persoas cun contrato do Consello Europeo de Investigación (ERC), os máis prestixiosos de Europa, que este 2027 sumará cinco novos investigadores. Finalmente, avanzou que a primeira edición do Programa Retorna Talento I+G+i, dirixido a que regresen a súa terra investigadores que no seu día marcharon, sairá en 2027.
“Galicia está captando máis recursos, impulsando máis talento e gañando posición en ámbitos científicos e tecnolóxicos nos que, hai poucos anos, era impensable estar liderando“, resaltou o conselleiro na súa intervención. Segundo as súas palabras de Román Rodríguez, somos unha Comunidade “cada vez máis atractiva para investigar, para innovar, para emprender e para desenvolver proxectos de alto valor engadido“.
O conselleiro subliñou que a ciencia “é unha prioridade estratéxica para o presente e para o futuro de Galicia”. En concreto, as tecnoloxías profundas, tanto a cuántica como a intelixencia artificial, a biotecnoloxía (medicina xenómica, novos materiais, farmacoloxía e agroalimentación) e as tecnoloxías limpas son os eixos nos que a Xunta pon o foco.
Precisamente, no ámbito da biotecnoloxía, Román Rodríguez avanzou que a vindeira semana se aprobará e presentará publicamente a nova Estratexia de excelencia da biotecnoloxía en Galicia 2026-2030, un ambicioso documento elaborado en colaboración con Bioga, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia. A anterior estratexia logrou mobilizar 670 M€, creáronse 30 novas empresas e a facturación neste campo acadou os 2.037 M€. Ademais, o número de traballadores triplicouse, pasando de 1.860 a 5.690, e o investimento en biotecnoloxía incrementouse un 89%, ata acadar os 175 M€, o que sitúa a Galicia por riba da media estatal, sendo a segundo comunidade con maior peso investigador en biotecnoloxía, só por detrás de Cataluña.
Aposta decidida pola IA e cuántica
Ademais, a combinación de intelixencia artificial e biotecnoloxía plasmarase na futura Fábrica europea de IA, “o maior fito acadado, que nos sitúa cunha auténtica visión de futuro”. Denominada 1HealthAI porque abordará os retos da saúde dun xeito integral (humana, animal e humana), será unha das únicas 19 factorías en todo o continente. A este respecto, Román Rodríguez avanzou que está a comezar agora a contratación dos primeiros perfís profesionais co obxectivo de estar operativa en 2028.
No campo das tecnoloxías cuánticas, Galicia logrou xa despregar entre Santiago e Vigo a liña de comunicacións ultra-seguras máis longa de España, de 120 kms, que agora se ampliará ata Portugal. Esta conexión formará parte dunha infraestrutura de máxima seguridade no conxunto de Europa, onde Galicia ocupará unha posición moi destacada.
Neste mesmo ámbito, estase a acometer o maior investimento da historia no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), cun total de 56 M€, cun novo supercomputador que multiplicará por sete a capacidade actual e dous computadores cuánticos que se localizarán no novo edificio da Sionlla que empezará a funcionar a finais de ano.
Nova de Lei de Ciencia e innovación
“En moi pouco tempo, os resultados están sendo extraordinarios”, comentou o conselleiro de Educación, quen explicou que, no marco do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, a Xunta dedica “o maior investimento da historia á I+G+I, cun total de 1.310 M€”. “En concreto, este ano incrementamos os fondos, un 9% máis que o ano pasado e o dobre de hai cinco”, describiu ao longo da súa comparecencia.
Tamén se detivo na futura Lei de Ciencia e Innovación, en cuxa elaboración avanza o Goberno galego para que entre en vigor en 2027. Para iso, anunciou que a previsión “é que o texto xa articulado poida publicarse e someterse a consulta pública este outono”. A nova norma permitirá actualizar o marco actual para fomentar o crecemento nas distintas áreas: desde dar estabilidade ás políticas de talento, regulando a carreira investigadora e incorporando o papel de Galtia, ata impulsar a transferencia e a innovación con instrumentos para valorizar os resultados da investigación, apoiar empresas de base científica e tecnolóxica e facilitar a colaboración público-privada. Tamén favorecerá a cooperación entre os diferentes membros que conforman o ecosistema científico e introducirá medidas para levar a innovación ao territorio, especialmente coa incorporación dos plans de I+D+i locais, pioneiros en España
Fabricación en Galicia dun prototipo para o CERN
Outro dos proxectos con máis alcance internacional no que Galicia aspira a estar moi presente é a iniciativa vinculada ao CERN para construír en Galicia un prototipo do futuro colisionador de partículas na fronteira entre Francia e Suíza. Trátase dun dos grandes proxectos científicos e tecnolóxicos das próximas décadas a nivel mundial.
Nestes momentos, precisou o conselleiro, está aberta a consulta preliminar ao mercado para que empresas interesadas na súa construción poidan participar. A partir de aquí prepararase a futura compra pública precomercial, grazas á colaboración de Xunta, o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Se o sector demostra interese, é probable que en 2027 o prototipo que se fabricará desde Galicia estea en construción.