O Hospital Álvaro Cunqueiro anima aos profesionais sanitarios a doar sangue na campaña de verán
Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue estará estacionada diante da entrada do centro hospitalario o xoves 18 de xuño das 09:30 ás 14:30 horas, para fomentar a doazón dos traballadores e traballadoras e da cidadanía viguesa
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2026
Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará, ao longo da xornada do xoves 18 de xuño, nas inmediacións do Hospital Álvaro Cunqueiro, para recoller a solidariedade dos profesionais sanitarios pero tamén de toda a cidadanía viguesa no inicio da campaña de doazón de sangue en verán que se está a realizar baixo o lema “Un alento de vida”.
A campaña terá lugar entre as 09:30 e as 14:30 horas na unidade móbil da Axencia que estará estacionada na entrada principal do Hospital Álvaro Cunqueiro.
ADOS e a Xerencia do Hospital queren fomentar e facilitar o acceso á doazón dos traballadores e traballadoras sanitarios; profesionais concienciados coa necesidade de doazóns de sangue para levar a cabo o seu labor asistencial e que, amosan, diariamente o seu compromiso e bo facer co sistema público de saúde de Galicia.
Esta campaña de doazón enmarcase dentro das colectas que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue realiza para achegar este xesto solidario ata empresas e organismos públicos de toda Galicia. Neste sentido, salientar que o Hospital Álvaro Cunqueiro ten acollido 17 campañas de doazón de sangue desde o ano 2017, acadando, no transcurso destas visitas, un total de 425 doazóns.
Importancia da participación
A ADOS quere por de manifesto a importancia de participar nas campañas de doazón de sangue e lembra que, cada día, precísanse mais de 400 doazóns de sangue para posibilitar o axeitado desenvolvemento do labor asistencial dos nosos centros hospitalarios.
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere transmitir o seu sincero agradecemento a todas as persoas que doan sangue pero, de maneira especial nesta ocasión, a todos os profesionais do Hospital Álvaro Cunqueiro e aos usuarios e usuarias polo seu compromiso co xeneroso xesto da doazón de sangue, sendo un centro que se ten caracterizado, desde a súa inauguración, pola súa implicación e especial sensibilidade coas campañas de doazón.