A Xunta destina preto de 5 millóns de euros ao embelecemento dos establecementos turísticos do litoral

O delegado territorial visitou o restaurante La Riviere Laterío, en Vilagarcía de Arousa, que recibiu unha achega de máis de 3.600 euros como parte da liña destinada á mellora da dixitalización

A subvención conta con tres liñas de actuación que contemplan axudas para iluminación e automatismos, dixitalización e fachadas e cubertas

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 17 de xuño de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá o bar-restaurante La Riviere Laterío, onde a Xunta financiou un proxecto de dixitalización e promoción turística en liña.

A actuación, que contou cunha achega autonómica de 3.600 euros e permitiu a posta en marcha de novas ferramentas dixitais para potenciar a proxección exterior do negocio, encádrase na liña de axudas a establecementos turísticos para o embelecemento do litoral. Durante a visita, o delegado territorial subliñou a importancia desta liña de apoios para o sector hostaleiro e destacou que estas axudas son fundamentais para “coidar a imaxe de marca do litoral galego e axudar aos nosos autónomos e pemes a modernizarse”. Neste senso, Fernández sinalou que o obxectivo prioritario é “impulsar un modelo de turismo máis moderno e corrixir os impactos visuais para que os negocios se integren perfectamente na riqueza paisaxística da nosa costa”.

O delegado territorial aproveitou a visita para informar sobre os detalles desta convocatoria de subvencións orientada a establecementos situados en concellos costeiros —como hoteis, pensións, restaurantes, cafeterías ou bares—, que conta cun orzamento total de 5 millóns de euros e permite financiar ata o 80 % do investimento.

Neste sentido, lembrou que o programa estrutúrase en tres grandes liñas de actuación. A primeira delas céntrase na eficiencia enerxética, con achegas de ata 25.000 euros para iluminación e automatismos; a segunda inclúe a dixitalización de recursos no litoral con ata 15.000 euros; e a terceira vai destinada á mellora da fachada turística, con investimentos de ata 250.000 euros para o pintado de fachadas ou a renovación de cubertas e carpinterías que axuden a reducir o impacto visual da contorna.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/06/2026