O conselleiro de Educación participou na entrega de premios desta edición, un acto que contou coa intervención maxistral do prestixioso científico galego Ángel Carracedo
Román Rodríguez destaca o nivel e solvencia dos mellores proxectos de investigación do StemBach
Resultan premiados alumnado dos institutos María Casares (Oleiros), de Brión, Plurilingüe Lar (Mos) e Blanco Amor (Ourense)
Este curso participaron no o Bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía un total de 60 centros e 913 estudantes, o 54,3% delas mulleres
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, puxo hoxe en valor o nivel e a solvencia dos coñecementos do alumnado galego nos mellores proxectos de investigación do StemBach, o Bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía, impulsado pola Xunta.
O titular de Educación, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou no acto de entrega de premios deste curso, nunha xornada na que os distintos equipos defenderon as súas iniciativas ante o xurado e na que o reputado científico galego Ángel Carracedo ofreceu unha charla maxistral. En conxunto, expuxéronse dez proxectos de seis centros seleccionados entre o total de 60 presentados este curso coa participación de 913 estudantes, o 54,3% deles mulleres.
En concreto, outorgáronse recoñecementos aos instituto María Casares de Oleiros, por unha análise comparativa dos discursos mediáticos fronte a invasión rusa de Ucraína; de Brión, por dous proxectos, un sobre o uso de electrolizadores para a produción de hidróxeno verde e outro sobre a seguridade de envases biodegradables; Plurilingüe Lar de Mos, por unha proposta sobre a busca de novos antibióticos, e Eduardo Blanco Amor de Ourense, por un estudo de simulación computacional de como o cancro escapa ao sistema inmune innato.
O obxectivo destes galardóns é valorar o traballo que desenvolven os estudantes que cursan esta modalidade de Bacharelato orientada a impulsar a formación STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e as habilidades científico-tecnolóxicas, en especial no tratamento de datos e na incorporación da intelixencia artificial á sociedade, así como fomentar as vocacións neste eido entre os máis novos.
O alumnado participante, de xeito individual ou en grupo, tivo que presentar un traballo de investigación. Nas distintas fases de avaliación tivéronse en conta criterios científico-técnicos (metodoloxía empregada, análise dos resultados, presentación dos mesmos, conclusións...), a memoria do proxecto (coherencia e calidade, estrutura e extensión, emprego de linguaxe científica axeitada, bibliografía...) e o vídeo de presentación (fluidez do mesmo, creatividade e orixinalidade, emprego de recursos visuais...).
Na final de hoxe os aspirantes expuxeron en público os seus traballos e escolléronse seis gañadores. A relación de proxectos que chegaron a este fase son os seguintes:
|
CONCELLO |
CENTRO |
UNIVERSIDADE |
PROXECTO |
|
A Coruña |
IES Agra do Orzán |
UDC |
Aplicacións da IA no deseño de cidades sostibles |
|
A Coruña |
IES Agra do Orzán |
UDC |
Como conferir resistencia a un antibiótico a unha bacteria |
|
Brión |
IES de Brión |
USC |
Uso de electrolizadores para a produción de hidróxeno verde |
|
Brión |
IES de Brión |
USC |
Avaliación da seguridade dos envases biodegradables |
|
Oleiros |
IES María Casares |
UDC |
Discursos mediáticos fronte á invasión rusa de Ucraína: análise comparativa das narrativas actuais |
|
Santiago de Compostela |
IES Plurilingüe Rosalía de Castro |
UVigo |
Control de orientación de paneles solares. Cubesat con ruedas de reacción controlada por el sistema PID |
|
Santiago de Compostela |
IES Plurilingüe Rosalía de Castro |
UVigo |
Introducción a la aerodinámica. Diseño de un perfil aerodinámico en base a unos requisitos utilizando el software XFLR5 |
|
Mos |
CPR Lar (Mos) |
UVigo |
Buscando novos antibióticos |
|
Ourense |
IES Eduardo Blanco Amor |
USC |
Como o cancro escapa ao sistema inmune innato: estudo de simulación computacional |
|
Ourense |
IES Eduardo Blanco Amor |
USC |
Analoxías entre os virus informáticos e as enfermidades virais |
|
Mos |
CPR Lar (Mos) |
UVigo |
Buscando novos antibióticos |
Programa de excelencia
O programa StemBach, enmarcado na Estratexia educación dixital, Edudixital 2030, ten unha duración de dous cursos académicos e pode incorporarse a el o alumnado de calquera das modalidade de Bacharelato. Os estudantes cursan, a maiores do currículo da modalidade na que estean matriculados, unha materia de afondamento relacionada co ámbito STEM extracurricular de dúas ou tres horas semanais. Ademais, deben realizar un proxecto de investigación e actividades complementarias de formación en colaboración coas universidades públicas de Galicia, entidades, organismos e persoas investigadoras de recoñecida competencia.
A maiores, a Xunta creou estes premios para poñer en valor o traballo dos estudantes do STEMbach. Todos os centros participantes, profesorado e alumnado recibe un recoñecemento e mención da súa participación nesta convocatoria. Os proxectos de investigación gañadores reciben un recoñecemento especial e distintivo para remarcar e subliñar o esforzo e o traballo realizado polo alumnado.
Cómpre lembrar tamén que os estudantes participantes benefícianse do recoñecemento de créditos ECTS universitarios, polo que os que superan o programa e se matriculan posteriormente nalgunha das universidades públicas ve recoñecidos con créditos de libre configuración este mérito. En total, poden obter 1,5 créditos ECTS por curso académico universitario e ata un máximo de 6 créditos ECTS.