A Xunta consolida unha política de persoal planificada para mellorar os servizos públicos
O Goberno galego avoga por un proceso coordinado para garantir, ademais da atención continuada á cidadanía, os dereitos das persoas traballadoras da Administración autonómica
O conselleiro de Facenda e Administración Pública defende no Parlamento o incremento no número de empregados públicos, un 8,5 % desde o 2020, e o impulso sen precedentes aos mecanismos ordinarios de provisión de postos
O cambio de fondo no modelo de mobilidade do persoal funcionario, que se ensaia co proxecto piloto de concurso aberto e permanente, permitirá avanzar nunha xestión máis dinámica e adaptada ao momento actual
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2026
A Xunta consolida unha política de persoal planificada para mellorar os servizos públicos da Administración autonómica. O Goberno galego avoga pola coordinación para garantir a atención continuada e mellorada á cidadanía e, ao mesmo tempo, blindar os dereitos das persoas empregadas públicas.
Así o defendeu o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, no Parlamento, explicando que boa proba da planificación no eido da función pública é que, nos últimos anos, se está acometendo a culminación dos procesos de integración e de funcionarización, o remate do proceso de estabilización, “estáselle dando un impulso aos concursos de traslados” e continúase coas convocatorias habituais das Ofertas de Emprego Público.
Miguel Corgos puxo en valor ademais o incremento no número de empregados públicos, “un 8,5 % desde o ano 2020, cun aumento de gastos de persoal de máis de 1.500 millóns de euros”. Así mesmo, insistiu na “planificación e folla de ruta clara que estamos a desenvolver”, sen as que non sería posible levar a cabo o longo proceso dirixido á promoción, estabilización e mellora do emprego público na Comunidade.
E todo iso, explicou o conselleiro de Facenda, a pesar dos “atrancos alleos á Administración autonómica”, como a pandemia, que paralizou todas as convocatorias e, cando se empezaba a superar, a Lei 20/2021 de Estabilización do Goberno central, que obrigou a reformular todos os procesos que estaban en marcha. A isto houbo que engadir, debullou Miguel Corgos, “unha sentenza de xuño de 2024 que fixou que, tras superar un proceso, había que adxudicar destinos con carácter definitivo”. Por esta razón, non foi posible adxudicar destinos provisionais e foi preciso convocar concursos de traslados de todos os corpos, escalas e especialidades, “para dar preferencia aos de maior antigüidade”.
Aínda así, afirmou o conselleiro, desde decembro de 2023 “convocamos 18 concursos de traslados para máis de 11.500 postos e cunha participación de máis de 3.300 persoas, unhas cifras sen precedentes”. Nove destes concursos xa están resoltos, con 4.593 postos ofertados e 1.635 adxudicados. “E estamos coordinando as tomas de posesión dos concursos coas derivadas das eleccións de destino”.
Explicou Miguel Corgos que o cambio de fondo no modelo de mobilidade do persoal funcionario estase a probar neste momento coa convocatoria do concurso das escalas de informática, un proxecto piloto de concurso aberto e permanente, que se tramita integramente na aplicación FIDES. Un modelo que permitirá avanzar nunha xestión máis dinámica, explorando un sistema adaptado “ás necesidades actuais da organización administrativa e tamén ás expectativas lexítimas dos empregados públicos”.
Protocolo
Para o Goberno galego a prioridade é non afectar á prestación dos servizos públicos e iso faise “con planificación” para que non haxa interrupcións, valorando o momento temporal idóneo e “respectando os principios de mérito e capacidade”.
Con ese obxectivo, Miguel Corgos anunciou tamén a elaboración dun protocolo para organizar o movemento de persoal e reducir o impacto organizativo nos servizos máis afectados polos cambios. O documento vai establecer pautas para garantir a continuidade e calidade dos servizos públicos durante os procesos de toma de posesión a partir de setembro e tratará de minimizar as disfuncións pola mobilidade simultánea dun elevado número de efectivos.
Novas convocatorias
O conselleiro de Administración Pública quixo poñer en valor, ademais, que todo este proceso se fai compatible coa continuación das convocatorias dos procesos ordinarios de acceso libre e de promoción interna, “para garantir o acceso ao emprego público de calidade das galegas e galegos”.
Miguel Corgos lembrou que, en 2025, se convocaron 30 procesos, con máis de 1.200 prazas, e para 2026 se prevén outros 40, con máis de 2.000 prazas. Destes 40 procesos, “a día de hoxe, 14 están xa convocados, cun total de 620 prazas”. Ademais, o pasado 15 de maio comezaron a realizarse os primeiros exercicios destes procesos convocados en 2026.