O conselleiro de Sanidade respondeu no Pleno do Parlamento a unha pregunta sobre a posta en servizo do novo centro de saúde que, no seu primeiro día de actividade ordinaria, este martes, rexistrou 430 consultas programadas

Gómez Caamaño destaca que a apertura do novo centro de saúde de Moaña confirma a atención ás Urxencias, con 27 consultas este martes

Pon en valor o maior investimento sanitario realizado pola Xunta no municipio, xa que o novo centro contou cun orzamento autonómico de 9,6 millóns de euros 

O novo centro, máis moderno, máis funcional e máis operativo, supón unha auténtica transformación da atención sanitaria de Moaña, triplicando, ademais, a superficie do existente

Refire o importante número de profesionais que prestan servizo na nova infraestrutura, un total de 45, que permiten ofrecer unha ampla carteira de servizos

Destaca tamén o dispositivo específico establecido para a atención urxente os sete días da semana e as 24 horas do día: un médico e unha enfermeira para a atención de urxencias polas tardes ata as 22,00 horas os días da semana e ambulancia 24 horas

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe, no Pleno do Parlamento, que o novo centro de saúde de Moaña xa atende as urxencias médicas neste municipios, con 27 consultas dese tipo este martes.

Na súa intervención no Pazo do Hórreo en resposta a unha pregunta parlamentaria, o titular de sanidade referiu que este martes, o primeiro día de atención ordinaria, o novo centro de saúde rexistrou, ademais, 430 consultas ordinarias.

Lembrou que a Xunta garante a atención sanitaria no municipio cun dispositivo asistencial deseñado para ofrecer a mellor atención posible á poboación, tendo en conta, ademais, o actual déficit de profesionais sanitarios, un problema ao que o Ministerio de Sanidade lle corresponde poñer solución.

O conselleiro puxo en valor o maior investimento sanitario da Xunta realizado no municipio: un total de 9,6 millóns de euros, entre obra e equipamento, para a construción do centro de saúde, que este mesmo luns se poñía ao servizo das veciñas e veciños.

Este novo centro, máis moderno, máis funcional e máis operativo, supón unha auténtica transformación da atención sanitaria de Moaña, triplicando, ademais, a superficie do existente e acadando os 3.000 m2.

Gómez Caamaño explicou que no novo centro prestan servizo 45 profesionais. En concreto, 12 médicos de familia, 2 pediatras, 1 psicólogo, 1 nutricionista, 1 odontólogo, 1 hixienista dental, 2 fisioterapeutas, 1 matrona, 1 traballador social, 1 farmacéutico, 13 enfermeiras, 2 auxiliares de enfermería e 7 profesionais de servizos xerais.

Todos estes profesionais permiten ofrecer unha ampla carteira de servizos de xeito centralizado. Esas prestacións inclúen medicina de familia, pediatría, enfermería, psicoloxía clínica, nutrición, traballo social, área da muller con matrona e aula de saúde, fisioterapia e rehabilitación, saúde bucodental integrada, ecografía, toma de mostras e sala de lactancia.

O conselleiro tamén detallou que o Servizo Galego de Saúde estableceu un dispositivo específico para a atención urxente os sete días da semana e as 24 horas do día, cun facultativo e unha enfermeira para a atención das urxencias polas tardes durante a semana e cunha ambulancia de soporte vital avanzado de enfermería operativa as 24 horas os sete días.

A este dispositivo hai que engadir un sistema de atención domiciliaria coordinado co dispositivo de urxencias de Cangas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/06/2026