A Xunta recoñece aos centros educativos premiados nos concursos Consumópolis e Galicons-Net enfocados a promover o consumo responsable
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as resolucións cos centros educativos gañadores nestes certames autonómicos
Consumópolis diríxese a 5º e 6º de primaria, ESO e Formación Profesional básica, inclúe probas e un traballo nos que os participantes aprenden sobre consumo responsable e consciente e consta de premios que oscilan entre os 300 e os 1.000 €
Galicons-Net recoñece con premios dotados con 1.500 € proxectos de innovación educativa sobre temáticas como a linguaxe publicitaria, os servizos financeiros e a etiquetaxe de bens e produtos
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as resolucións cos centros educativos gañadores nos certames autonómicos Consumópolis e Galicons-Net, orientados a impulsar o consumo responsable. En concreto, Consumópolis ten como lema nesta edición Á hora de consumir, que non te domine o click e promove entre o alumnado unha actitude responsable e sostible fronte ao consumo, especialmente na contorna dixital. Pola súa banda, Galicons-Net motiva un traballo colaborativo dos escolares e do profesorado na realización dun proxecto de innovación educativa neste eido.
No caso de Consumópolis diríxese aos cursos de 5º e 6º de primaria, da ESO e Formación Profesional básica e consta de dúas partes. A primeira, unha cidade virtual na que o alumnado ten que superar unha serie de probas aprendendo sobre un consumo máis responsable e consciente, así como os seus dereitos como potenciais persoas consumidoras. A segunda parte é a realización dun traballo en equipo, que nesta edición é un podcast creado por eles mesmos que debe reflectir o lema da edición deste ano.
Nas tres categorías coas que consta concédense premios para os tres mellores traballos en cada tramo de idade, dotados con 1.000 euros os primeiros premios, 600 euros os segundos e 300 euros os terceiros. Os centros gañadores que obteñen o primeiro premio, representan a Galicia no concurso escolar nacional.
En concreto, na modalidade de 1º e 2º curso de ESO, obtivo o primeiro e segundo galardón o IES A Cachada, de Boiro e o terceiro foi para o IES Ánxel Fole, de Lugo. Na categoría de 3º e 4º de ESO e FP básica resultaron gañadores as alumnas e alumnos do IES de Cacheiras, de Teo (A Coruña); o segundo lugar recaeu no IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela; e o terceiro para o compostelán IES de Pontepedriña. Mentres, na categoría correspondente a 5º e 6º curso de primaria, houbo un único gañador, o alumnado do CEIP O Couto de Ourense, que obtivo o primeiro premio.
Galicons-Net
En canto ao concurso Galicons-Net, os participantes realizaron diferentes proxectos de innovación educativa sobre temáticas relacionadas co consumo responsable, como a linguaxe publicitaria, os servizos financeiros e a etiquetaxe de bens e produtos.
Neste caso, concédese un premio por cada unha das categorías, dotado de 1.500 euros. Na categoría de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria resultou gañador o CPR Manuela Rial Mouzo, de Cee (A Coruña), na da ESO o alumnado do IES Ramón María Aller Ulloa de Lalín (Pontevedra) e na de educación especial o recoñecemento é para o CEE Manuel López Navalón, de Santiago de Compostela.