A Xunta dá luz verde ambiental ao Plan especial de reforma interior para ordenar un ámbito de solo urbano en Vigo, entre os barrios de Teis e Lavadores
O informe ambiental estratéxico da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé efectos ambientais significativos na zona de actuación, pero inclúe unha serie de condicións a cumprir con relación a determinadas cuestións
O obxectivo principal da nova ordenación, tal e como se prevía no propio planeamento urbanístico, é completar e mellorar a calidade de vida nesta zona
A iniciativa afecta a unha superficie de 38.629 metros cadrados, con usos residenciais localizados en oito parcelas, unha gran parcela reservada para edificación comercial e oficinas e tres reservas destinadas a dotacións, zonas verdes e novos viarios
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2026
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións ao Plan especial de reforma interior (PERI) do ámbito SUNC-401 Ventura González-Camiño de Gonderán-Rosal, no concello de Vigo, co que se pretende abordar a ordenación detallada deste ámbito de solo urbano non consolidado localizado entre os barrios de Teis e Lavadores.
Así consta no informe ambiental estratéxico emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, cuxo anuncio foi publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia e que tras analizar o plan, establece que non son previsibles efectos ambientais adversos significativos sempre que se cumpra coas condicións incluídas na propia resolución en relación a aspectos paisaxísticos e de integración, necesidades e servizos relacionados coa auga, zonificación acústica ou mobilidade na contorna.
Cómpre lembrar que esta resolución se emite no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do PERI, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador da proposta como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal da Consellería para que o público puidese consultalo e facer as súas observacións ou suxestións de carácter ambiental, sen que se recibise ningunha.
Unha vez emitido, o informe ambiental foi remitido aos promotores (Valderrey Arquitectura y Promociones Inmobiliarias SL, Locales Actividades e Exclusivas Comerciales SA e un particular) e ao órgano substantivo (o Concello de Vigo) xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e agora faise público mediante a publicación do anuncio correspondente tanto no Diario Oficial de Galicia como a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
O obxecto do proxecto é establecer a ordenación detallada do polígono de solo urbano non consolidado do SUNC-401 e tal e como se prevía no PXOM, servirá para completar e mellorar a calidade desta zona urbana.
Os terreos afectados están na zona nororiental do tramado urbano da cidade, ocupando unha área entre os barrios de Teis (ao norte) e Lavadores (ao sur) ao carón do punto no que conflúen a rúa de Aragón e a Travesía de Vigo. O ámbito queda definido por un polígono de forma irregular que comprende o espazo interior entre a rúa Ventura González Prieto, unha grande superficie comercial e loxística, o camiño de Gonderán e as traseiras de edificacións que dan fronte ás rúas de Aragón, dos Currás e da Fonte.
A ordenación proposta afecta a un ámbito cunha superficie total de 38.629 metros cadrados. O aproveitamento dos usos residenciais distribúese en oito parcelas, prevéndose bloques con diferentes alturas. Os dous máis altos, de seis alturas, sitúanse na zona máis próxima á rúa de Aragón cubrindo medianís vistos de bloques existentes. Nas parcelas situadas no linde sudoeste proxéctanse outras tres edificacións en bloque aberto de cinco alturas e na súa fronte, ao leste, outros dous bloques de catro niveis. Na zona central se localiza outro bloque aberto de 4 alturas.
A proposta proxecta unha gran parcela de usos terciarios que ocupa a metade nororiental do ámbito. Nela prevese executar unha edificación comercial semisoterrada apegada ao muro de contención de formigón de grande altura existente no leste e tamén destinala ao uso de oficinas.
Así mesmo, a ordenación contempla tres reservas dotacionais para equipamento ao noroeste e sueste mentres que as zonas verdes localízanse na metade norte, ocupando unha franxa de terreo ao longo do borde occidental da parcela de uso comercial.
Na metade sur prevese outra reserva de espazos libres, ao carón do viario proxectado e entre as parcelas destinadas a uso residencial. No interior do polígono proxéctanse tres vías: un eixo principal oeste-sueste que permite a conexión do camiño do Rosal co camiño Gonderán; un ao longo do perímetro oriental que enlaza coa prolongación da rúa Ventura González Prieto; e un terceiro que parte do camiño do Rosal cara ao norte para enlazar co camiño Troncal. Nas marxes do eixo principal se localizan as prazas de aparcadoiro público previstas.