O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participou hoxe na presentación do Plan estratéxico da Industria Musical
A industria musical galega dótase do seu primeiro Plan estratéxico elaborado co apoio da Xunta para guiar o avance do sector ata 2030
López Campos referiuse a este documento, que foi deseñado e formulado pola Asociación Galega de Empresas Musicais, como unha ferramenta necesaria
Salienta a súa funcionalidade para “pasar da vitalidade cultural á consolidación industrial” e como “folla de ruta compartida, realista e ambiciosa”
Destaca o proceso participativo sen precedentes levado a cabo polos principais colectivos profesionais cunha metodoloxía validada academicamente pola USC
O plan marca 10 accións prioritarias, xa en proceso, que inciden tanto na vertebración e fortalecemento interno das empresas e artistas como no impulso á súa proxección exterior
A creación dunha feira de música galega este mesmo ano é unha das primeiras novas iniciativas a poñer en marcha
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na presentación do primeiro Plan estratéxico da Industria Musical, un documento elaborado pola Asociación Galega de Empresas Musicais co apoio da Xunta de Galicia e que está chamado a ser a folla de ruta para guiar o avance deste sector ata o ano 2030. Trátase, tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, dunha proposta formulada “dun xeito participativo e integral entre todos os axentes implicados” e que constitúe “unha ferramenta necesaria para pasar da vitalidade cultural á consolidación industrial”.
Neste senso, López Campos puxo en valor a importancia da música actual de Galicia e dos seus referentes aos que sinalou como “elementos identitarios cos que reforzamos a imaxe da nosa Galicia Calidade por todo o mundo”. Así mesmo, referiuse á musica como unha das expresións máis vivas do patrimonio galego, ao tempo que reivindicou toda a cadea de valor económico, social e cultural ao seu redor. “Así, o Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia 2030 busca crear ou asentar as condicións para xerar máis valor cultural, máis emprego cualificado, máis estabilidade profesional, máis oportunidades empresariais, máis público e unha maior proxección exterior”, expresou ao tempo que enumerou cinco grandes eixos que vertebran o seu contido: o recoñecemento e a identidade, a sustentabilidade económica, o territorio, a profesionalización e a gobernanza.
O conselleiro de Cultura destacou especialmente o proceso participativo seguido durante preto de dous anos con intensas e frecuentes reunións entre as principais asociacións do sector convocadas por AGEM: Asociación de Empresas Tecnolóxicas e Servizos Audiovisuais de Galicia (Agatec), Asociación Sindical de Profesionais Técnicos do Espectáculo (Tesgal), Músicas ao Vivo (MAV), Asociación Profesional de Salas Privadas de Galicia – Clubtura e Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC). A presenza activa de todos estes colectivos traduciuse nunha positiva dinámica de achegas sen precedentes, o que lle concede aínda máis valor a esta “folla de ruta compartida, realista e ambiciosa”, engadiu López Campos.
O acto tivo lugar na compostelá Sala Capitol, onde se reuniron preto dun centenar de persoas de todos os ámbitos empresariais e artísticos relacionados coa música. Por parte da Xunta, ademais do propio conselleiro, tamén asistiron o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, que estiveron acompañados pola presidenta de AGEM, Patricia Hermida, e pola catedrática de Econometría Isabel Neira, en representación do grupo de traballo da Universidade de Santiago de Compostela encargado de aplicar a diagnose e metodoloxía para a consecución do texto final.
Feira de música, marca global e outras accións prioritarias
O Plan marca 10 accións prioritarias para a súa execución, entre as que se atopan medidas en proceso e outras xa cumpridas, como son os casos, entre esta última categoría, do establecemento duns premios ao recoñecemento do talento musical galego, que celebraron xa a súa primeira edición en novembro de 2025, así como o impulso a unha rede de salas e espazos de música ao vivo, obxectivo acadado a través da nova liñas de subvencións a programacións musicais neste tipo de recintos convocada pola Axencia Galega das Industrias Culturais e que está a desenvolver 141 concertos en 16 espazos do país ata 2027.
A primeira das medidas xa en proceso é a creación e consolidación dunha feira da música galega que se constitúa como un espazo de mercado e internacionalización entre artistas, empresas, responsables de programacións, administracións, salas, festivais, medios de comunicación e entidades culturais. Tamén se contempla o desenvolvemento dunha marca global capaz de representar a diversidade, calidade e identidade contemporánea da música galega e que funcione tamén como ferramenta de cohesión sectorial e proxección exterior, facilitando a presenza en campañas institucionais, feiras especializadas e plataformas dixitais.
O desenvolvemento dun programa específico de apoio á innovación e á creación musical galega é outra das accións previstas, co obxectivo de continuar a impulsar as carreiras profesionais. En conexión coa anterior figura levar a cabo itinerarios formativos específicos para artistas e profesionais da industria musical con contidos relacionados coa planificación estratéxica, contratación, dereitos de autoría, captación de públicos, comunicación dixital ou xestión económica, entre outros.
Certificación profesional, igualdade e sustentabilidade
Tamén se iniciaron xa os traballos de coordinación para avanzar cara a un sistema de certificación profesional para facilitar os procesos de acreditación e reforzar a conexión entre formación, experiencia e empregabilidade. Do mesmo xeito, estanse a revisar os procedementos de subvencións de todas as administracións públicas para favorecer unha planificación plurianual, simplificar trámites e facilitar a participación de proxectos emerxentes.
Entre os seus valores, o Plan Estratéxico da Industria Musical 2030 incorpora a priorización de proxectos con impacto positivo en igualdade de xénero, contratación local, sustentabilidade ambiental, equilibrio territorial e diversidade musical. Sinala, por último, a necesidade de poñer en marcha un sistema de mapeo e catalogación das infraestruturas culturais de Galicia, incluíndo auditorios, salas, espazos alternativos e outros equipamentos nun rexistro oficial.
Para a Xunta de Galicia, o documento pasa a constituír, ademais, o itinerario que marca as decisións prioritarias sobre as inversións concretas que se han de levar a cabo no sector ao longo dos vindeiros catro anos.
O documento completo do Plan Estratéxico da Industria Musical 2030 está dispoñible para a súa consulta no enlace web: https://agem-musica.com/documentos/.