Rueda pon o novo centro de saúde de Abegondo como exemplo da sanidade pública integrada, accesible e de vangarda que está a impulsar a Xunta en toda Galicia

Destaca que a nova infraestrutura, que supuxo un investimento de 3,2 millóns de euros, dará servizo a 5.000 veciños cun deseño humano e sostible

Salienta a cooperación institucional co Concello para facer realidade unha instalación moderna que “abrirá as súas portas o vindeiro luns 22 de xuño”

Este mesmo mes presentarase a reforma integral da Atención Primaria para seguir blindando a calidade asistencial en todo o territorio

Abegondo (A Coruña), 18 de xuño de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá na inauguración do novo centro de saúde de Abegondo, unhas instalacións modernas e vangardistas que representan o modelo sanitario que promove a Administración autonómica, baseado nunha asistencia de proximidade, accesible e de vangarda.

Durante o acto, no que estivo acompañado por el conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, Rueda puxo en valor este proxecto, que vén substituír unha infraestrutura con máis de 35 anos e nun concello “que está medrando e que polo tanto precisa mellores servizos”. O novo centro contou cun investimento público de 3,2 millóns de euros –cofinanciados por fondos europeos FEDER–, entre obra e equipamento.

O presidente da Xunta subliñou que esta obra constitúe un fito de xustiza e unha resposta eficaz a unha demanda histórica do concello, permitindo “ter instalacións modernas e cómodas” tanto para os 5.000 veciños e veciñas da contorna, como para que os 11 profesionais sanitarios que integrarán o cadro de persoal. “Galicia Calidade non sería nada se non tivese exemplos coma este”, asegurou Rueda.

Así mesmo, o xefe do Executivo galego destacou que o centro, que dispón de 1.221 metros cadrados e 965 útiles –aproximadamente o dobre que o actual– e “abrirá as súas portas o vindeiro luns 22 de xuño”, foi concibido baixo criterios de sostibilidade e calidez, integrando elementos naturais como madeira galega e vexetación para humanizar os espazos.

Así mesmo, fixo fincapé en que o complexo incorporará novos servizos que optimizarán a capacidade de resposta e evitarán desprazamentos innecesarios ao hospital, consolidando así “a atención primaria como a verdadeira porta de entrada do sistema de saúde”. A nova infraestrutura sanitaria dispón dunha sala polivalente preparada para cirurxía menor ambulatoria e inclúe a especialidade de psicoloxía clínica na súa carteira de servizos.

Alfonso Rueda quixo agradecer de xeito explícito a estreita colaboración do Concello de Abegondo, mediante a cesión dunha parcela axeitada e conectada cos principais servizos do municipio, así como a execución das obras de urbanización e a execución dun novo aparcadoiro fronte ao centro de saúde. “Necesitamos a colaboración dos concellos para facer este tipo de obras”, apuntou.

Aposta pola Atención Primaria

Finalmente, o titular da Xunta recalcou que este novo centro de saúde non supón unha actuación illada, senón que se enmarca na aposta do Goberno galego por modernizar e fortalecer a atención primaria como eixo vertebrador do sistema sanitario público. “Hai que mellorar, pero tamén hai moitas cousas das que enorgullecerse”, indicou, ao tempo que destacou que “ao que máis recursos públicos lle dedicamos, case o 44% nun orzamento de 14.500 millóns de euros, é para a saúde”.   

Neste sentido, a Xunta traballa xa na reforma integral da Atención Primaria en Galicia que presentará este mesmo mes de xuño, co obxectivo de continuar adaptando os servizos e o funcionamento interno ás necesidades do futuro e seguir coidando tanto dos pacientes coma do persoal sanitario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2026