A Xunta destaca a vide e a castaña como produtos clave para o futuro das Terras do Bolo
O Bolo (Ourense), 18 de xuño de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, participou hoxe na I Xornada da Vide e da Castaña das Terras do Bolo, onde puxo en valor o papel destas dúas producións como elementos estratéxicos para a economía e a identidade do territorio.
Durante a súa intervención, destacou que o sector vitivinícola de Valdeorras representa un exemplo de como un produto vinculado ás variedades autóctonas, ao territorio e ao coñecemento das persoas pode converterse nun motor de desenvolvemento, xerador de emprego e creador de identidade comarcal.
Neste sentido, sinalou que a castaña comparte moitos dos elementos que explican o éxito do viño: autenticidade, diferenciación e unha forte vinculación coa paisaxe e coa cultura local. Por iso, incidiu no potencial que aínda ten por diante para seguir gañando peso económico e contribuír á dinamización do rural.
Martín Alemparte lembrou que a aposta da Xunta pasa por poñer en valor aqueles produtos que fan única a Galicia, reforzando a calidade diferenciada e as producións ligadas á orixe, ás variedades autóctonas e ao territorio.