A Xunta licita por preto de 405.000 euros as obras para mellorar os itinerarios peonís en Lestedo, no Concello de Boqueixón
O obxectivo é a integración urbana das vivendas situadas nas proximidades do lugar de Lestedo, con intervencións na rúa Castrelo e na avenida do Veintiséis
As intervencións forman parte do Plan Hurbe, programa do Goberno galego para apoiar ás administracións locais e cofinanciar diferentes tipos de intervencións urbanísticas
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta licitación ao abeiro do Plan Hurbe, establecendo un prazo de presentación de ofertas que rematará o 8 de xullo
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2026
A Xunta licitou por un importe de 404.008,72 euros a obra para mellorar os itinerarios peonís en Lestedo, no concello de Boqueixón.
Esta actuación, que se desenvolverán ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta, recóllese na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, establecendo un prazo de presentación de ofertas que rematará o 8 de xullo.
Trátase de executar as obras necesarias para integración urbana das vivendas situadas nas proximidades do lugar de Lestedo con intervencións en dúas rúas: a rúa Castrelo e avenida do Veintiséis.
Na rúa Castrelo inclúense a renovación da beirarrúa, así como a instalación de bordo. Na marxe oposta da rúa proxéctase a construción dunha senda peonil de 120 metros de lonxitude, con bordo prefabricado tipo “xardín” no límite exterior da senda.
Tamén se renovará a capa de rodaxe do viario municipal neste treito e se substituirá a sinalización.
Na avenida do Veintiséis renovarase un treito mediante a reforma das beirarrúas existentes e a execución doutras novas que dean servizo ao novo espazo de aparcamento proxectado.
Levarase a cabo, ademais, a execución da rede de pluviais e os respectivos pozos de rexistro e arquetas; así como a de alumeado, coa execución da súa canalización e das correspondentes arquetas, báculos e luminarias.
O proceso de urbanización do entorno completarase coa plantación do céspede e árbores e coa colocación de mobiliario urbano.
Estas obras enmárcanse nun convenio de colaboración asinado en maio entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que asumirá o 70% do orzamento; e o Concello, que achegará o 30% restante
As obras realízanse ao abeiro do Plan Hurbe, un programa co que o Goberno galego colabora cos concellos na mellora de contornas urbanas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.