Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20.00 h. de hoxe
Deuse por extinguido o lume de Padrón, parroquia de Herbón, que finalmente afectou unha superficie de 373,21 hectáreas, das cales 298,57 son arboradas e 74,64 rasas
Continua activo desde as 04.06 horas de hoxe o incendio forestal do concello da Capela, parroquia de Capela, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unhas 25 hectáreas
Mantense tamén activo o lume do concello da Mezquita, parroquia de Manzalvos, que entrou desde Portugal e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 50 hectáreas
Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2026
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 20.00 horas de hoxe.
A CORUÑA
Extinguido Padrón-Herbón
Deuse por extinguido ás 20.02 horas de hoxe o lume rexistrado no concello de Padrón, parroquia de Herbón, que se iniciara o día 12 ás 16.01 horas e no que foi preciso declarar temporalmente a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade a núcleos de poboación.
Finalmente este incendio afectou unha superficie de 373,21 hectáreas, das cales 298,57 son arboradas e 74,64 rasas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 7 técnicos, 132 axentes, 166 brigadas, 122 motobombas, 5 pas, 9 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 7 avións.
Activo A Capela-Capela
Continúa activo desde as 04.06 horas de hoxe o incendio forestal do concello da Capela, parroquia de Capela, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unhas 25 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 2 técnicos, 9 axentes, 15 brigadas, 15 motobombas, 1 pa e 3 helicópteros e 2 avións.
OURENSE
Activo A Mezquita-Manzalvos
Mantense tamén activo o lume do concello da Mezquita, parroquia de Manzalvos, que entrou desde Portugal ás 07.18 horas de hoxe. Segundo as últimas estimacións provisionais a superficie afectada en Galicia é de 50 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 8 axentes, 13 brigadas, 8 motobombas, 3 pas, 7 avións e 7 helicópteros.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.