Medio rural reforza a aposta pola prevención de incendios forestais cun novo convenio con Finsa para realizar accións formativas e de divulgación conxuntas

A conselleira María José Gómez asinou hoxe este acordo, que se artellará mediante o deseño, organización e execución dun programa formativo e de sensibilización, orientado a mellorar a cultura preventiva compartida no territorio

As accións levadas a cabo irán dirixidas tanto ao persoal de Finsa como ao das comunidades de montes veciñais en man común que colaboran coa xestión forestal

O programa formativo combinará sesións teóricas en aula e prácticas no monte, ambas as dúas de forma presencial, co obxectivo de abordar actuacións preventivas e identificar os riscos existentes

Esta iniciativa representa un avance máis na cooperación entre a Xunta e diferentes entidades, tanto públicas como privadas, para reforzar o labor preventivo e de detección temperá que xa desenvolve o propio dispositivo autonómico

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2026

A Consellería do Medio Rural está a reforzar a aposta pola cooperación na prevención de incendios forestais cun novo convenio de colaboración coa empresa Finsa para impulsar o desenvolvemento de accións formativas e de divulgación conxuntas. A titular deste departamento, María José Gómez, asinou hoxe este acordo, xunto co membro do Comité Executivo de Finsa Xosé Mera; nun acto no que tamén estiveron presentes o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco; e o director de Aproveitamentos Forestais de Veta, Adrián Beloso.

Esta iniciativa representa un avance máis na cooperación entre a Xunta e diferentes entidades e organismos, tanto públicos como privados, para reforzar o labor preventivo e de detección temperá que xa desenvolve o propio dispositivo autonómico fronte ao lume e que constitúe un dos eixos centrais do seu traballo, xunto coa extinción, a investigación ou a formación do persoal, entre outros ámbitos.

En concreto, esta colaboración con Finsa, que estará vixente por primeira vez durante este ano 2026, artellarase mediante o deseño, organización e execución conxunta dun programa formativo e de sensibilización, orientado a mellorar a cultura preventiva compartida no territorio, a seguridade e a capacidade de autoprotección no medio rural.

A xestión forestal desenvolvida pola compañía, ademais de articularse sobre montes propios, inclúe modelos de xestión compartida e convenios de colaboración con diversas entidades de montes veciñais en man común. Neste escenario, as accións formativas impulsadas ao abeiro deste novo acordo irán dirixidas tanto ao persoal da empresa como ao das comunidades de montes vinculadas que queiran formar parte.

Sesións prácticas no monte

O programa formativo combinará sesións teóricas en aula e prácticas no monte, ambas as dúas de forma presencial. As accións formativas terán unha duración prevista de oito horas, catro para teoría e outras catro para práctica, e os grupos serán dun máximo de 20 persoas.

Nestas xornadas abordaranse diferentes módulos, que versarán sobre o risco de incendio e factores desencadeantes, facendo fincapé na responsabilidade e as boas prácticas; e medidas preventivas no traballo forestal, con nocións sobre autoprotección, comunicación e alertas. Ademais, incidirase na planificación preventiva, explicando aos asistentes como detectar os puntos críticos, accesos, faixas e biomasa. O último módulo centrarase nunha práctica guiada en monte, co obxectivo de aprender a identificar os riscos, un itinerario seguro e facendo unha demostración destes procedementos. 

Proxecto piloto coa Mancomunidade de Montes do Baixo Miño

A maiores deste novo acordo, recentemente a Consellería do Medio Rural puxo en marcha un proxecto piloto coa Mancomunidade de Montes do Baixo Miño para colaborar precisamente na detección dos incendios forestais nos montes desta entidade. No marco deste proxecto, a mancomunidade organizará equipos de vixilancia preventiva e detección temperá nestes montes, durante a temporada de verán, co obxectivo de reducir o risco e mellorar a capacidade de resposta ante conatos, axilizando así os avisos ao Servizo de Prevención e Defensa fronte aos incendios forestais da Xunta.

Cómpre salientar que a intervención temperá reduce tanto a superficie afectada como posibles danos económicos ou ambientais e, neste sentido, a colaboración cidadá, neste caso das comunidades de propietarios, consolídase como unha parte importante da resposta integral ante un incendio forestal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/06/2026